A Confraría de Celeiro reclama máis seguridade e melloras no porto

AMariñaXa
A entidade pesqueira solicita actuacións no saneamento do peirao norte, o reforzo do espigón e a retirada de instalacións en desuso, ademais de traballos de conservación
VISTA-AEREA-PUERTO-CELEIRO
24 Nov 2026

A Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Celeiro trasladou a Portos de Galicia un paquete de demandas para mellorar a seguridade, o estado de conservación e a funcionalidade das instalacións portuarias. A entidade que preside Domingo Rey Seijas considera necesario que o organismo dependente da Consellería do Mar concrete as intervencións previstas e os prazos para levalas a cabo, atendendo ás necesidades dos profesionais do sector e do resto de usuarios do porto.

Entre as peticións destaca a posta en funcionamento do sistema de cámaras de videovixilancia. A confraría considera que a instalación debe estar plenamente operativa para reforzar a protección das embarcacións, os equipos e outros bens, así como para previr roubos, actos vandálicos, accesos indebidos e outras incidencias. A entidade insiste en que non abonda con dispoñer das cámaras, senón que é preciso activar os medios técnicos e operativos necesarios para que cumpran a súa función.

Esta demanda foi reiterada na asemblea xeral celebrada o pasado 21 de novembro, na que se acordou solicitar de novo a intervención de Portos de Galicia. A confraría fundamenta a súa reclamación nas competencias que a Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, atribúe ao organismo en materia de vixilancia e policía portuaria, xestión dos servizos xerais e inspección das instalacións. Durante esa mesma reunión tamén se informou os directivos da próxima convocatoria de eleccións aos órganos de goberno da entidade, que se realizará de maneira unificada a través da Consellería do Mar.

A ordenación dos distintos usos do porto é outro dos asuntos incluídos nas demandas. A confraría considera necesario mellorar a sinalización e delimitar as zonas reservadas á actividade pesqueira e portuaria para evitar situacións de risco e posibles accidentes. Neste sentido, pide que no peirao sur, correspondente ás instalacións de Puerto de Celeiro, S.A., se definan adecuadamente os espazos destinados á pesca recreativa, de xeito que non interfiran no traballo profesional que se desenvolve na área industrial.

No capítulo de infraestruturas, a entidade expresa a súa preocupación polo estado da base da cimentación da súa sede social, un edificio catalogado como Ben de Interese Cultural. Segundo indica, a acción das mareas está deixando esa base ao descuberto, aínda que aparentemente non presenta danos. Tamén reclama información sobre os prazos do proxecto de reforzo do espigón mediante a colocación de bloques, unha intervención que considera prioritaria para protexer o peirao norte.

Outra das actuacións que considera urxentes é a execución do saneamento integral do peirao norte. A confraría defende que esta obra permitiría mellorar as condicións de salubridade, evitar verteduras e posibles focos de contaminación e contribuír á protección do medio mariño. Así mesmo, lembra que continúa pendente a remodelación da zona de O Puntal, un proxecto que, segundo sinala, xa está definido polo organismo portuario.

A entidade tamén solicita a demolición das naves obsoletas e sen uso situadas no peirao norte, entre elas a antiga fábrica de xeo, as cámaras de conxelación e conservación, almacéns e oficinas. A previsión trasladada é que os traballos poidan executarse durante 2027, ao existir xa unha partida orzamentaria destinada a esta finalidade.

A relación de necesidades complétase coa revisión e reparación de escaleiras e varandas, tarefas de conservación e pintado das instalacións, melloras na fachada marítima e o acondicionamento ou pintado do muro da praia.

A confraría considera que estas intervencións forman parte das necesidades habituais dun porto cunha importante actividade pesqueira e reclama que as solicitudes se traduzan en compromisos concretos. A entidade defende que a seguridade, a vixilancia e o mantemento non deben quedar nun segundo plano e pide a Portos de Galicia que informe das actuacións previstas e dos calendarios para executalas.

A iniciativa, segundo subliña a organización que preside Domingo Rey Seijas, responde á vontade de colaboración institucional e á defensa dos intereses do sector pesqueiro. O obxectivo é que o porto de Celeiro dispoña dunhas instalacións seguras, ben conservadas e adaptadas ás necesidades dos profesionais que desenvolven nel a súa actividade.

0.1505241394043