A Confraría de Celeiro denuncia novos actos vandálicos contra un terminal esencial para o sector pesqueiro

A Confraría de Pescadores de Celeiro denunciou a aparición de novos actos vandálicos nas inmediacións das súas instalacións, uns feitos que ocasionaron danos nun dos servizos máis utilizados polos profesionais do mar. O incidente máis destacado foi a rotura do cristal do terminal TICPESC, unha ferramenta imprescindible para a realización de numerosos trámites administrativos relacionados coa actividade pesqueira.
Este equipamento, dependente da Consellería do Mar e xestionado por SAEC DATA, permite aos usuarios acceder ao longo de todo o ano, as 24 horas do día, a distintos procedementos necesarios para o exercicio da pesca, especialmente no ámbito da frota de baixura e artesanal. A través deste sistema pódense emitir documentos de transporte, certificados de orixe, rexistros de actividade, declaracións de alternancia de artes ou devolucións á orixe, entre outras xestións, evitando así depender dos horarios de atención presencial.
Desde a entidade explican que os desperfectos dificultan temporalmente o funcionamento dun servizo de uso habitual para pescadores, armadores e outros profesionais vinculados ao sector, polo que xa se traballa para restablecer a súa plena operatividade no menor prazo posible.
A Confraría lembra ademais que non é a primeira vez que esta infraestrutura resulta danada. Hai escasas datas, coincidindo coa celebración dun evento musical, o terminal xa aparecera con pintadas, o que obrigou a realizar labores de limpeza para recuperar o seu estado.
Os actos vandálicos tamén provocaron outros estragos na contorna da sede social da entidade, un edificio catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC). Entre eles figura a rotura dunha varanda metálica situada no acceso ao aparcadoiro, que quedou inutilizada tras ser forzada. A entidade sinala que descoñece a autoría destes feitos e limitouse a poñelos en coñecemento dos organismos competentes.
A Confraría fai un chamamento ao respecto polo patrimonio e polas infraestruturas que dan servizo a un sector estratéxico para a economía da comarca, lembrando que este tipo de actuacións non só ocasionan danos materiais, senón que tamén afectan directamente ao traballo diario de numerosos profesionais e implican custos adicionais para a súa reparación. Na actualidade, SAEC DATA xestiona unha rede de 66 terminais TICPESC distribuídos polo litoral galego, dos que cinco están situados na provincia de Lugo: Celeiro, Foz, O Vicedo, Portiño de Morás e Ribadeo.