A Comunidade de Montes de Burela inicia contactos para a compra de parcelas na zona arqueolóxica do Cabo Burela

A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Burela informou de que nas últimas semanas está a manter contactos iniciais con propietarios de fincas situadas na zona arqueolóxica do Cabo Burela.
O obxectivo destas conversas é negociar a adquisición do maior número posible de parcelas nesta área de especial valor, coa finalidade de incorporalas ao conxunto de propiedades colectivas de Burela e poñelas ao servizo do conxunto da veciñanza, sen distincións económicas nin de ningún outro tipo.
A entidade sinala que as negociacións se atopan nunha fase inicial, aínda que destaca a boa disposición amosada polos propietarios, polo que agardan que estas xestións poidan chegar a bo porto nas próximas semanas.
Desde a Comunidade de Montes consideran que a unificación da propiedade nesta zona arqueolóxica no ámbito veciñal pode supoñer unha garantía para facilitar futuras intervencións orientadas á súa conservación e posta en valor, co obxectivo de preservar e dignificar este espazo singular do municipio.