A Chocolateira prepara a súa IX Foliada con música, cultura e actividades para todos os públicos

A Asociación Musical A Chocolateira xa quenta motores para a celebración da IX Foliada, unha cita que terá lugar os vindeiros 13 e 14 de xuño e que volverá converterse nun punto de encontro para a música, a cultura popular e a convivencia veciñal. A entidade anunciou o evento avanzando que en breve dará a coñecer o programa completo, no que se incluirán numerosas actividades pensadas para todos os públicos.
A foliada consolídase así como unha das propostas máis destacadas do calendario cultural, cun formato que combina tradición e creatividade. Durante as dúas xornadas, as persoas asistentes poderán gozar de concertos en directo, así como dun mercado no que se prevé a presenza de artesanía e produtos variados.
Ademais da música, o evento ofrecerá espazos de lecer e participación con xogos, obradoiros e propostas pensadas para fomentar a implicación do público. A programación completarase con actividades de carácter cultural como a proxección dun documental e a presenza de espectáculos de circo, ampliando así a diversidade da oferta.
Un dos momentos máis esperados será, un ano máis, a foliada aberta, que permitirá a participación libre de músicos e afeccionados, mantendo viva a esencia destas reunións tradicionais baseadas na improvisación e no encontro arredor da música.
Desde A Chocolateira destacan o carácter inclusivo e festivo desta iniciativa, que busca reunir persoas de diferentes idades e procedencias nun ambiente de celebración compartida. A organización convida á veciñanza e visitantes a reservar as datas e sumarse a unha cita que promete música, dinamismo e “moitas cousiñas bonitas”.