A capela do Guioncho mellora os seus accesos coa colaboración da Comisión de Festas de Lieiro

A contorna da capela do Guioncho, situada na parte alta do campo da festa de Lieiro, conta cun acceso máis acondicionado grazas a unha nova actuación do Plan de Acción de ALCOA, na que participaron integrantes da Asociación da Comisión de Festas de Santa Isabel de Lieiro e voluntarios e voluntarias da empresa.
A intervención centrouse na limpeza da entrada e das escaleiras que conducen ao templo, así como na colocación de grava para mellorar a seguridade e facilitar o paso das persoas. Os traballos completáronse coa plantación de distintas especies de temporada para embelecer este espazo.
A alcaldesa de Cervo, Dolores García Caramés, desprazouse ata o lugar para acompañar as persoas participantes e agradecer a súa implicación. A rexedora puxo en valor a colaboración entre a Comisión de Festas e o voluntariado de ALCOA, que contribúe á conservación dos espazos compartidos e á mellora dos lugares de encontro da veciñanza.