A Avenida de Santiago inicia a súa renovación con obras en servizos e pavimento

A Avenida de Santiago, en Covas, comezou a súa transformación coa posta en marcha das obras de renovación de servizos e pavimentos nun tramo de 320 metros do barrio do Coello. A actuación, impulsada con cargo ao Plan Deputación 2025, permitirá modernizar as redes de saneamento e abastecemento e acometer posteriormente a reposición do firme en superficie.
O proxecto conta cun orzamento base de licitación de 189.261,61 euros e está chamado a mellorar unha zona que presenta dificultades tanto polo volume de tránsito como polas características do viario. Trátase dunha intervención que busca reforzar os servizos básicos e mellorar as condicións de uso nun punto moi transitado da parroquia.
O inicio da obra chega despois da tramitación administrativa previa e do correspondente proceso de contratación e licitación. Unha vez arrincados os traballos, xa se procedeu á sinalización da zona para ordenar a circulación e advertir das restricións que poidan producirse durante a execución.
Desde o Concello lembran que as obras se prolongarán durante varios meses, polo que piden comprensión á veciñanza polas molestias que poidan xerar. O obxectivo final, segundo destacan, é lograr unha mellora duradeira nun ámbito que reclama desde hai tempo unha intervención sobre infraestruturas e pavimentos.