A Asociación Os Tres Pés enche de actividades a Escoliña de Fórnea con propostas para todas as idades

A Asociación Os Tres Pés abriu o prazo de inscrición para participar na nova programación de actividades que desenvolverá durante o curso 2026-2027 na Escoliña de Fórnea, en Trabada. A entidade prepara unha oferta que combina exercicio físico, idiomas e xadrez, con propostas destinadas a diferentes idades.
Entre as actividades previstas atópase pilates, que se organizará en grupos reducidos dun máximo de catro ou cinco persoas. Os horarios están aínda pendentes de concretar e estableceranse en función das persoas participantes.
A programación contempla tamén zumba, aínda que neste caso a posta en marcha da actividade dependerá do número de inscricións recibidas. Tanto os horarios como os custos destas propostas poden consultarse directamente coa asociación.
Para os máis pequenos haberá clases de inglés todos os venres, de 16.00 a 17.00 horas. Trátase dun grupo dirixido a nenos e nenas co obxectivo de favorecer a aprendizaxe deste idioma.
Outra das propostas será o xadrez, que se desenvolverá os sábados alternos entre as 11.00 e as 12.00 horas. A actividade está aberta a todas as idades e foi concibida para que poidan participar tamén diferentes membros dunha mesma familia, combinando aprendizaxe e práctica.
As persoas interesadas en participar ou coñecer máis detalles sobre os horarios e prezos poden contactar coa Asociación Os Tres Pés no teléfono 670 281 217, preferiblemente a través de WhatsApp.
Desde o Concello de Trabada puxeron en valor o traballo que desenvolven as asociacións do municipio e a súa contribución á dinamización das distintas parroquias. O goberno local destacou que este tecido asociativo permite ampliar considerablemente a oferta de cursos e actividades ao longo do ano, favorecendo ao mesmo tempo que os núcleos rurais manteñan unha vida social activa.
O Concello mantén así o seu apoio e colaboración coas entidades locais para facilitar a continuidade de iniciativas como a impulsada por Os Tres Pés en Fórnea, que busca converter a antiga escoliña nun punto de encontro para veciños e familias a través de propostas formativas e de lecer.