A Asociación de Mulleres Rurais de Lourenzá incorpora clases de pilates á súa programación

A Asociación de Mulleres Rurais de Lourenzá continúa dando forma á súa programación de actividades e avanza unha das novidades que porá en marcha proximamente: clases de pilates, cunha proposta orientada a fomentar o exercicio físico, a saúde e o benestar.
A entidade ofrecerá dúas posibilidades horarias, cunha sesión pola mañá e outra pola tarde, co obxectivo de facilitar a participación das persoas interesadas. Os horarios concretos e os prezos daranse a coñecer este venres, 11 de setembro, coincidindo coa asemblea informativa na que a asociación presentará máis propostas e actividades.
A iniciativa preséntase baixo o lema "Coida de ti, coida do teu rural" e busca reservar un tempo para o exercicio e o coidado persoal, ao mesmo tempo que se favorece a convivencia e o encontro entre participantes.
Desde a asociación destacan entre os beneficios desta práctica o fortalecemento e tonificación do corpo, a mellora da postura, a flexibilidade e o equilibrio, así como a prevención de lesións. Tamén inciden na súa contribución á redución do estrés e á mellora do estado de ánimo.
A actividade está pensada para diferentes idades e niveis. A incorporación do pilates forma parte das novas iniciativas que prepara a Asociación de Mulleres Rurais de Lourenzá, que aproveitará a próxima asemblea para avanzar máis detalles da súa programación.