A área recreativa de Vilachá estrea mobiliario e un novo peche perimetral

A área recreativa de Vilachá conta con equipamento renovado tras a execución de varios traballos de remodelación destinados a mellorar as condicións de uso e conservación deste espazo de lecer ao aire libre, situado xunto á entrada do vial de acceso ao faro Roncadoiro, no municipio de Xove.
A intervención centrouse na substitución do mobiliario, que presentaba un avanzado estado de deterioración, e na instalación dun novo peche perimetral. Para iso, retirouse o antigo valado de madeira e as mesas tipo cámping que se atopaban en mal estado, que foron substituídos por un novo peche de madeira plástica reciclada, mesas e papeleiras.
A elección destes materiais busca mellorar a durabilidade das instalacións e reducir as necesidades de mantemento. Coa renovación, as persoas usuarias dispoñen dun espazo en mellores condicións para gozar dunha zona de descanso e lecer ao aire libre.
Os traballos foron executados pola empresa Saiju Instalaciones S.L. e tiveron un custo total de 18.062,88 euros. A actuación foi financiada integramente mediante unha subvención de Turismo de Galicia, que cubriu o 100 % do importe final das obras.
A área recreativa de Vilachá atópase nun enclave frecuentado por persoas que se achegan para gozar da contorna natural e das vistas ao mar. A renovación do equipamento contribúe a mellorar este espazo de convivencia e descanso, situado nun punto de acceso ao faro Roncadoiro.