A ampliación da balsa de lodos aviva a controversia ecolóxica

GaliciaXa | AMariñaXa
Entre a ampliación da balsa, as denuncias ecoloxistas e a incerteza industrial, a factoría de San Cibrao segue no centro dun debate que divide á comarca
alcoa-balsa-foto-ecoloxistas
13 Jun 2026

Por Ana Somoza.

A balsa de lodos vermellos de Alcoa en Xove volveu situarse no centro do debate ambiental en Galicia. O que durante décadas foi presentado como o custo inevitable do progreso industrial transformouse, para colectivos ecoloxistas e parte da veciñanza, nun símbolo das consecuencias dun modelo produtivo baseado na contaminación, na dependencia económica e na ausencia —segundo denuncian— dun control ambiental rigoroso.

Desde a asociación Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde, presidida por Nery Díaz desde o ano 2020, a crítica á situación da factoría de San Cibrao é frontal. O colectivo leva anos impulsando informes, alegacións, analíticas e accións xudiciais co obxectivo de frear a ampliación da balsa de residuos e abrir un debate público sobre os efectos ambientais e sanitarios derivados da actividade da multinacional.

A entidade, de ámbito autonómico, naceu coa intención de colaborar con organizacións conservacionistas e defensoras do ecoloxismo social en Galicia. Mais foi a partir do coñecemento directo da situación da balsa cando decidiron intensificar a súa actividade.

ALERTA.

“Coñecemos a realidade da balsa de lodos vermellos no ano 2024 e pareceunos algo extremadamente grave”, explica Nery Díaz. A presidenta da asociación sostén que durante anos “a atención pública centrouse exclusivamente no emprego que xera Alcoa, pero nunca se abriu un debate real sobre o custo ambiental e sanitario que soporta a comarca”. Segundo relata, en setembro de 2023 constituíuse a área STOP Alcoa, integrada por máis de trinta persoas de distintos puntos de Galicia, entre elas expertos ambientais, veciños e profesionais vinculados á saúde ou á investigación. “O noso obxectivo era entender realmente a dimensión do problema”, afirma.

A partir dese momento comezaron a solicitar documentación técnica, informes ambientais e autorizacións administrativas. “Cando analizamos toda a información chegamos á conclusión de que estabamos diante dun dos puntos máis contaminantes de Galicia, só comparable á antiga central térmica das Pontes”, asegura. A organización denuncia que existen numerosos indicios de contaminación persistente no territorio. “Hai veciños que levan anos falando do po tóxico, das filtracións nas terras, dos danos nos vehículos, nos animais e mesmo nos cultivos”, indica Díaz. Segundo engade, “non estamos falando dun episodio illado, senón dunha contaminación continuada durante décadas”.

PROBAS.

No mes de xaneiro de 2024, o colectivo presentou ante a Xunta un informe elaborado por un enxeñeiro de camiños e unha bióloga. A documentación acabou derivando nun procedemento contencioso-administrativo.

Paralelamente, a asociación decidiu realizar as súas propias medicións. “Fixemos analíticas propias e tamén encargamos estudos externos. Temos fotografías e vídeos certificados con data e hora nos que se observan vapores saíndo da balsa, residuos nas estradas e árbores coas cortizas completamente deterioradas ou tinguidas de vermello”, sostén a presidenta da entidade. Entre os documentos recompilados figuran tamén informes veterinarios relacionados coa presenza de flúor e aluminio nos ósos de vacas e ovellas mortas. “Mandáronnos resultados que nos pareceron moi preocupantes”, afirma.

Díaz lembra ademais que xa no ano 2010 a revista Interviú publicara unha reportaxe sobre os problemas ambientais asociados á fábrica. “Falouse daquela do po tóxico, das emisións e dos efectos sobre a poboación, pero logo todo quedou esquecido”, lamenta.

Para o colectivo ecoloxista, unha das maiores ameazas está nas posibles filtracións subterráneas. “O perigo para os acuíferos e para os pozos continúa aí”, advirten. Tamén consideran especialmente preocupantes as emisións de flúor procedentes da actividade industrial. “Ese flúor acaba afectando aos alimentos, aos animais e posiblemente tamén ás persoas”, sosteñen.

SAÚDE.

Desde a asociación reclaman que as administracións impulsen estudos epidemiolóxicos independentes na comarca. “Nós cremos que a Xunta debería investigar seriamente como afecta toda esta situación á saúde da poboación”, explica Díaz.

O colectivo mantén contacto coa neurocientífica Sonia Villapol, investigadora recoñecida internacionalmente, que segundo relatan advertiu da capacidade destes residuos para provocar danos celulares. “Ela insiste na necesidade de reforzar a vixilancia ambiental e sanitaria”, sinalan. Tamén citan que varios médicos consideran posible a relación entre determinadas enfermidades presentes na comarca e a actividade industrial de Alcoa.

A preocupación pola contaminación chega incluso á vida diaria de parte da veciñanza. “Hai persoas que aseguran que xa non se bañan nas praias próximas á fábrica e outras que nin sequera consumen os produtos das súas hortas”, relataban veciños a Interviú. Segundo sosteñen, o vento actúa como vehículo de dispersión das partículas. “As nubes de po terminan asentándose sobre os núcleos de poboación e sobre os cultivos, e non so na Mariña, senón chegan incluso á comarca de Lugo”, afirma.

Un dos exemplos máis significativos, segundo explican, foi o caso dunha explotación de pitaya situada en Morás.“En outubro de 2023 os invernadoiros aparceron cubertos do po vermello nas análises atopouse aluminio en cantidades cen veces superiores ao normal”, denuncia Díaz. “As analíticas repetíronse en maio de 2024 por se mudara a situación mais a día de hoxe, “os invernadoiros seguen precintados”, asegura.

AMPLIACIÓN.

O conflito intensificouse nas últimas semanas coa presentación dunha demanda contra o recrecemento da balsa de lodos ata a cota +104 metros. Segundo explica o xeólogo Óscar Pazos, a ampliación actualmente en tramitación non sería un simple recrecemento. “O proxecto implica tamén aumentar a superficie da balsa e modificar os diques”, asegura.

O colectivo considera que a empresa dividiu a actuación en varias fases para facilitar a súa aprobación ambiental. “A ampliación ata a cota +110 xa estaba prevista inicialmente, pero fragmentouse en distintos proxectos”, sosteñen. As alegacións presentadas pola asociación cuestionan ademais o rigor técnico do estudo de impacto ambiental. “Detectamos deficiencias metodolóxicas moi importantes”, afirma Pazos, que reclama unha declaración de impacto ambiental negativa.

Tamén ADEGA presentou alegacións ao proxecto. A entidade ecoloxista considera que a ampliación supón unha “fuxida cara adiante” que prolonga os riscos ambientais sobre a Mariña. Segundo advirte a organización, o feito de que as lamas vermellas fosen reclasificadas como residuos perigosos debería obrigar a revisar en profundidade a viabilidade da instalación.

SILENCIO.

Outra das críticas recorrentes do colectivo fai referencia á falta de participación nos espazos institucionais vinculados ao futuro da planta. “Nas mesas de seguimento que se celebran sobre os fornos e os investimentos non nos deixan participar”, denuncia Nery Díaz. Segundo explica, desde a Xunta argumentan que a asociación non ten dereito a acudir, mentres que desde o Ministerio “din que toman nota, pero nunca contestan”.

A organización considera que existe unha excesiva proximidade entre empresa, administracións, sindicatos e partidos políticos. “Hai unha conivencia evidente. Non entendemos como os informes ambientais da Xunta poden estar elaborados pola propia empresa”, critica.

Para Díaz, a dependencia económica xerada arredor da factoría impide abrir un debate profundo sobre o modelo industrial da comarca. “Estamos falando dunha empresa que recibiu máis de 1.300 millóns de euros en axudas públicas dende 2008”, afirma. “Se parte dese diñeiro se destinase a crear emprego alternativo, probablemente a Mariña tería máis futuro, mellor saúde ambiental e unha economía máis sostible”.

FUTURO.

Mentres o debate ambiental medra, as administracións continúan defendendo a importancia estratéxica da planta de San Cibrao. Na última mesa de seguimento o Goberno central destacou a recuperación industrial tras a reactivación das 512 cubas de electrólise e lembrou os 40 millóns de euros comprometidos a través do PERTE de descarbonización industrial.

Con todo, persisten as dúbidas sobre os investimentos pendentes, especialmente sobre o futuro forno de cocción de ánodos. A multinacional continúa condicionando a viabilidade do complexo a un marco eléctrico competitivo e estable. Desde os sindicatos reclaman compromisos industriais firmes que garantan o emprego. Mais para os colectivos ecoloxistas, o debate non pode limitarse unicamente ao aspecto económico.

“A cuestión é decidir que modelo de territorio queremos”, sostén Nery Díaz. “Levamos máis de corenta e cinco anos convivindo cunha actividade altamente contaminante. A balsa ocupa unha superficie equivalente a case 160 campos de fútbol, hai emisións constantes, residuos no mar, po tóxico cando sopra o vento e unha degradación evidente da paisaxe”. A presidenta de Ecoloxistas Galiza Atlántica e Verde remata dicindo que ante un problema non cabe mirar para outro lado senón analizalo e ver a maneira de solucionalo. “O que pedimos é transparencia, control independente e protección real para a saúde e para o territorio”, conclúe.

0.11684203147888