A 15K A Mariña non se celebrará este domingo por problemas técnicos no percorrido

A 15K A Mariña, prevista para este domingo 20 de setembro entre Burela e Foz, finalmente non se celebrará. Problemas técnicos relacionados coa zona portuaria, actualmente en obras, e as dificultades para dispoñer dos permisos necesarios entre os diferentes concellos e administracións implicados impedirán desenvolver a carreira nas condicións previstas.
A proba ía regresar ao calendario deportivo da comarca cun percorrido de 15 quilómetros entre Burela e Foz, integrado no circuíto DUACODE – RUN FOZ RUN. A saída da competición absoluta estaba prevista ás 11.00 horas desde a área recreativa do Cantiño, en Burela, mentres que a chegada se situaría na praza Rosalía de Castro de Foz.
O trazado previsto discorría por diferentes puntos dos dous municipios e incluía treitos costeiros, do paseo marítimo e do carril bici. Ademais da carreira absoluta, a programación contemplaba unha andaina da mesma distancia e probas para as categorías inferiores.
Os inconvenientes derivados das obras na zona portuaria, unidos á necesidade de coordinar as correspondentes autorizacións entre distintas administracións, levaron finalmente a descartar a celebración desta edición.
PRÓXIMAS CARREIRAS. O circuíto, con todo, continuará nos próximos meses e en breve está prevista a apertura das inscricións para dúas das súas citas de Nadal: a Run Foz Run Nadal e o Cross Os Castros.
A Run Foz Run Nadal será a última e definitiva proba do circuíto. Con saída e meta na praza Rosalía de Castro, no Campo da Cabana de Foz, contará con distancias adaptadas ás diferentes categorías: 200 metros para Pícaros, 600 para Benxamíns, 1.000 para Alevíns, 1.750 para Infantís e Cadetes e 5.000 metros na competición Absoluta.
O Cross Os Castros volverá apostar por unha carreira marcada polo frío, a choiva e o barro. A proba comezará ás 10.30 horas e terá a saída e a meta no Campo de Fútbol de Cangas de Foz. Os percorridos serán de 200 metros para Pícaros, 600 para Benxamíns, 1.000 para Alevíns, 1.600 para Infantís, 2.000 para Cadetes e 6.000 metros para a categoría Absoluta.
As inscricións para ambas as dúas citas abriranse proximamente.