A 12ª Marcha Ciclista de Special Olympics recorrerá a comarca mariñá
A deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas e Alcaldesa de Burela, Carmela López Moreno, presentou na casa consistorial de Burela a primeira etapa da 12ª Marcha Ciclista Unificada organizada por Special Olympics. Esta proba, na que participan persoas con e sen discapacidade, arrancará o 3 de outubro nos municipios de Burela e Cervo, e continuará por distintas localidades de Galicia.
A marcha, que se divide en catro etapas, percorrerá o 4 de outubro Santiago de Compostela, o 5 de outubro Carballiño, e rematará o 6 de outubro en Vilagarcía de Arousa. Durante a súa intervención, Carmela López destacou o "incansable esforzo" de Special Olympics para organizar esta proba, que permitirá aos participantes percorrer diferentes puntos da xeografía galega, comezando pola Mariña.
O tramo que se desenvolverá en Burela e Cervo terá unha extensión de máis de 20 quilómetros, dos máis de 60 quilómetros totais da marcha. López Moreno subliñou que este evento non só promove a práctica deportiva entre as persoas con diversidade funcional ou intelectual, senón que tamén fomenta valores como a solidariedade, a igualdade de oportunidades e a integración plena na sociedade.
A deputada e alcaldesa de Burela tamén destacou a colaboración da Deputación de Lugo co tecido asociativo no ámbito social, facendo especial mención á achega económica de 8.000 euros que a institución provincial destina para a promoción das persoas con discapacidade intelectual da provincia.