A 1/2 Km Vertical Monte Comado regresa a Barreiros con máis de 150 inscritos na súa duodécima edición

AMariñaXa
A carreira disputarase este domingo 19 de xullo e forma parte do circuíto +KmsBarreiros. A inscrición permanecerá aberta ata o 16 de xullo
presentacion-vertical-barreiros
15 Jul 2026

Barreiros acollerá este domingo 19 de xullo a XII edición da 1/2 Km Vertical Monte Comado, unha das probas deportivas máis singulares do calendario local, que nesta edición xa supera as 150 persoas inscritas.

A carreira está organizada pola Asociación Cultural e Deportiva Praias de Comado, en colaboración co Concello de Barreiros, e conta co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e da Agrupación de Protección Civil de Barreiros. Ademais, forma parte do circuíto +KmsBarreiros, promovido polo Concello e integrado por cinco carreiras populares ao longo do ano, sendo esta a terceira da edición de 2026.

A presentación do evento celebrouse na aba do Monte Comado coa participación da alcaldesa de Barreiros, Ana Ermida; do xefe provincial de Deportes da Xunta en Lugo, Manuel Otero; do concelleiro de Dinamización, Dani García; e de representantes da Asociación Praias de Comado.

Durante o acto, Ana Ermida destacou que “seguimos apostando por actividades que, ademais de fomentar hábitos de vida saudables, contribúen a facer comunidade e a dar a coñecer os espazos máis singulares do noso municipio. A 1/2 km Vertical Monte Comado é unha mostra do importante papel que desempeñen as asociacións na dinamización de Barreiros e de como a colaboración entre administración e tecido asociativo permite consolidar proxectos que medran edición tras edición”.

Pola súa banda, Dani García subliñou que “o feito de estar integrada no circuíto +KmsBarreiros dálle a cada proba unha identidade común, respectando ao mesmo tempo as características que fan única cada carreira. Esta fórmula permite consolidar un calendario deportivo variado e seguir impulsando a participación ao longo de todo o ano”.

A xornada deportiva comezará ás 10:30 horas co trail infantil, que se desenvolverá na contorna da Roda, con saída desde as escolas de Reinante. A continuación, ás 11:30 horas, disputarase a carreira absoluta, que partirá da praia de Arealonga, a nivel do mar, e rematará no cumio do Monte Comado.

O percorrido terá unha distancia aproximada de catro quilómetros e un desnivel positivo de 490 metros, concentrado principalmente na parte final do trazado, unha característica que converte esta proba nun auténtico desafío para os participantes.

As inscricións permanecerán abertas ata o 16 de xullo ás 23:59 horas a través das páxinas maiskmsbarreiros.gal e ccnorte.com. O prezo da participación é de 10 euros, mentres que as inscricións realizadas o mesmo día da carreira, no caso de que aínda queden dorsais dispoñibles, terán un custo de 15 euros. A participación no trail infantil será gratuíta.

Na categoría absoluta, tanto o gañador como a gañadora individual, así como o primeiro club clasificado, recibirán un lote de produtos de porco celta, un premio achegado por Asoporcel en colaboración co circuíto +KmsBarreiros.

0.13001203536987