Xurxo Mariño pechará este venres o ciclo de conferencias do 25 aniversario do colexio Galén

O científico focense Xurxo Mariño será o encargado de clausurar este venres, 28 de maio, o ciclo de conferencias organizado polo colexio Galén con motivo do seu 25 aniversario. O acto desenvolverase na Delegación Territorial da Xunta en Lugo e a conferencia dará comezo ás 19:15 horas. A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala.
A charla levará por título ‘O sorprendente desenvolvemento do cerebro humano’ e permitirá ao público achegarse dun xeito divulgativo ao funcionamento e evolución do cerebro humano da man dun dos especialistas máis recoñecidos no ámbito da neurociencia.
Xurxo Mariño é profesor, investigador e divulgador científico, ademais dun dos nomes máis destacados no campo da neurociencia en Galicia. Ao longo da súa traxectoria participou tamén en diferentes programas de televisión e actividades de divulgación, caracterizándose por unha maneira próxima e amena de explicar cuestións científicas ao gran público.
O investigador é autor de varias publicacións relacionadas coa ciencia e a neurociencia, entre as que destacan ‘Neurociencia para Julia’, ‘Os Dados do Reloxeiro. Ciencia amena para mentes inquietas’ e ‘Neuronas para la emoción’.