Xunta e Concello achegan posturas para o apoio á Feira de Artesanía do Ferro

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, reuniuse co alcalde de Riotorto, Clemente Iglesias, para tratar distintos aspectos relacionados coa celebración da XVII Feira de Artesanía do Ferro, que organizan o Concello e a Asociación para a Promoción Social dos Ferreiros de Riotorto co apoio do Executivo autonómico e que se celebrará o vindeiro 19 de abril.
Este apoio enmárcase na aposta da Xunta por potenciar a artesanía e os oficios tradicionais, xa que a feira de Riotorto contribúe a divulgar o oficio tradicional do ferro, estreitamente vinculado á zona oriental da provincia de Lugo, e a poñer en valor o labor dos ferreiros fomentando a remuda xeracional.
Neste ámbito tamén destacan accións do Goberno galego como o programa de formación e transmisión do saber artesanal, Aprender da tradición. Oficios e técnicas e as futuras bolsas para aprendices asociadas a este programa (1 millón de euros).
Ademais, no encontro abordáronse outras cuestións relacionadas coa xeración de emprego no municipio atendendo ás necesidades de man de obra da zona.