Xove ultima os preparativos para celebrar o seu XV Encontro de Palilleiras

Xove prepárase para unha nova edición dunha das súas citas dedicadas á artesanía tradicional. O XV Encontro de Palilleiras celebrarase o vindeiro sábado 3 de outubro no Pavillón Municipal de Deportes, onde participantes e afeccionadas ao encaixe de palillos compartirán unha xornada de traballo, convivencia e intercambio de experiencias.
O encontro desenvolverase en dúas quendas. A actividade comezará ás 10.30 horas e prolongarase durante a mañá ata as 13.00 horas. Pola tarde, as palilleiras volverán reunirse a partir das 16.30 horas, cunha segunda sesión que finalizará ás 19.00 horas.
A cita alcanza este ano a súa décimo quinta edición, consolidándose como un espazo para poñer en valor o encaixe de palillos e favorecer a transmisión dunha técnica artesanal que continúa reunindo a numerosas persoas arredor dos seus traballos e creacións.
Ademais da vertente artesanal, o encontro busca favorecer a convivencia entre as participantes, que poderán compartir coñecementos, técnicas e experiencias ao longo da xornada.
Para realizar a inscrición ou solicitar máis información está dispoñible o teléfono 982 59 20 01, a través de Lucía no Concello de Xove.
O XV Encontro de Palilleiras está organizado pola Concellería de Sanidade, Servizos Sociais, Muller e Igualdade, coa colaboración da Asociación Cultural Saiñas e o patrocinio do Concello de Xove.