Xove transforma a violencia en puntos de amor nunha exposición artística polo 25N

AMariñaXa
A mostra, inspirada na obra de Yayoi Kusama e con creacións de alumnado e usuarios do centro de día, poderá visitarse ata o 7 de decembro
mostra-amor-xove-ceip-caselles-2026
26 Nov 2026

O Concello de Xove inaugurou unha exposición con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cunha proposta artística e participativa que busca reflexionar sobre as relacións tóxicas e reivindicar o amor desde o respecto, o coidado e a liberdade. Baixo o título 'Non é AMOR…', a mostra propón un percorrido simbólico para transformar a violencia en amor a través da arte, das palabras e da cor.

A exposición permanecerá aberta ata o 7 de decembro, en horario de 09:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas.

A iniciativa toma como referencia o universo creativo da artista xaponesa Yayoi Kusama, especialmente o seu característico uso dos círculos e dos puntos, para construír un espazo que invita a identificar comportamentos que, en ocasións, se confunden con expresións de amor, pero que en realidade poden esconder formas de violencia.

O itinerario comeza nunha sala escura, concebida como unha metáfora das relacións tóxicas. Neste espazo, un gran círculo central agrupa numerosos círculos negros que recollen palabras, ilustracións e frases elaboradas por estudantes do CEIP Pedro Caselles Rollán e do IES Illa de Sarón, así como por usuarios do Centro de Día Coidando de Vós.

Cada unha destas creacións representa unha voz e unha experiencia, conformando un conxunto que invita a reflexionar sobre determinadas actitudes e condutas que non deben confundirse co amor.

A visita continúa nunha segunda sala, caracterizada pola luminosidade e a presenza de cores, que recrea a estética das coñecidas instalacións de Kusama. Os puntos de diferentes tonalidades ocupan o espazo e adquiren aquí un novo significado, converténdose en "Puntos de AMOR" e simbolizando unha transformación cara a relacións baseadas en valores positivos.

A proposta artística complétase cun poema creado como homenaxe ao amor, reforzando a mensaxe central da exposición e a súa intención de ofrecer unha mirada alternativa fronte a calquera manifestación de violencia.

A iniciativa reivindica así que amar significa respectar, coidar, compartir e permitir que cada persoa poida vivir con liberdade. Unha reflexión que resume o espírito da mostra: "Non é amor. O amor é outra cousa…".

0.14988684654236