Xove reúne 50 persoas na súa primeira xornada dedicada á micoloxía

AMariñaXa
A iniciativa combinou unha saída ao campo na parroquia de Monte coa identificación dos cogomelos recollidos e o intercambio de coñecementos
I-Xornada-Micolóxica-que-tivo-lugar-en-Xove-2026
13 Oct 2026

O Concello de Xove celebrou este sábado a primeira Xornada Micolóxica do municipio, unha proposta que contou coa participación de 50 persoas procedentes de diferentes puntos da Mariña e que estivo marcada pola aprendizaxe, a convivencia e o interese polo mundo dos cogomelos.

A programación comezou cunha sesión introdutoria no salón de actos, na que os asistentes recibiron as indicacións básicas para desenvolver a actividade antes de saír ao medio natural. Posteriormente, o grupo desprazouse ata a parroquia de Monte, onde realizou un percorrido polo campo para localizar e identificar distintas especies de cogomelos.

A xornada continuou despois do xantar cunha posta en común dos exemplares atopados. Este encontro permitiu examinar e comentar as especies recollidas, compartir coñecementos e aclarar as dúbidas que xurdiron durante a actividade.

Ademais de facilitar a aprendizaxe sobre a micoloxía, a iniciativa serviu para intercambiar experiencias entre persoas afeccionadas e descubrir a riqueza natural do municipio nun ambiente de compañeirismo.

Desde o Concello de Xove fan unha valoración positiva desta primeira edición, tanto pola asistencia como pola implicación e o interese amosados polos participantes.

A boa acollida da convocatoria anima o goberno local a continuar promovendo actividades deste tipo, orientadas a divulgar o coñecemento do medio natural e a favorecer a convivencia entre a veciñanza e as persoas afeccionadas á micoloxía.

0.15892291069031