Xove quedará sen pediatra polo menos ata o 30 de novembro, segundo denuncia o BNG

AMariñaXa
A formación nacionalista recolle o malestar das familias e anima a presentar reclamacións formais ante o Sergas para reclamar a recuperación do servizo
BNG-Xove-centro-de-saude
21 Oct 2026

As familias de Xove deberán agardar, como mínimo, ata o 30 de novembro para a posible recuperación da atención pediátrica no centro de saúde do municipio, segundo a información da que dispón o BNG. A formación nacionalista alerta de que non existe garantía de que o servizo se retome nesa data e reclama solucións ante a falta de atención especializada para os nenos e nenas.

O BNG asegura recoller a preocupación e o malestar de nais e pais pola ausencia de pediatra, unha situación que obriga as familias a buscar alternativas fóra do concello. No caso de necesitar atención urxente, deben acudir ao centro de saúde de Burela, segundo indica a formación.

A voceira nacionalista, Pilar Vázquez, considera que esta situación dificulta o acceso a unha asistencia sanitaria próxima e adaptada ás necesidades da infancia. "A atención pediátrica non pode depender da dispoñibilidade puntual de profesionais noutros centros, nin obrigar as nais e os pais a asumir desprazamentos e consultas privadas cada vez que precisen unha consulta especializada", afirma.

A formación tamén cuestiona a falta de información clara e de respostas por parte da xerencia da área sanitaria, que, segundo denuncia, incrementa a incerteza das familias sobre a duración desta situación.

O BNG enmarca o caso nun problema máis amplo de falta de persoal sanitario na Mariña. Segundo lembra, a Plataforma Sanitaria da Mariña advertiu recentemente do déficit de profesionais e das dificultades para manter unha cobertura asistencial adecuada, especialmente na atención primaria e nos servizos dirixidos aos colectivos máis vulnerables. A plataforma tamén alertou de que a cobertura pediátrica na comarca se atopa baixo mínimos.

Ante esta situación, os nacionalistas reclaman reforzar os recursos da sanidade pública e garantir unha atención pediátrica estable en todos os concellos da comarca.

Ademais, o BNG anima as familias afectadas a presentar reclamacións formais ante o Servizo Galego de Saúde (Sergas). O obxectivo é deixar constancia da ausencia de pediatra, das dificultades para acceder á asistencia e dos desprazamentos que deben realizar, así como reclamar unha resposta e unha solución por parte da Administración sanitaria.

0.13208293914795