Xove promove o benestar cun obradoiro gratuíto de ioga en familia

AMariñaXa
A actividade celebrarase o sábado 10 de xaneiro e require inscrición previa a través dos Servizos Sociais
ioga
29 Dec 2025

O Concello de Xove, a través da área de Servizos Sociais, organiza un obradoiro de ioga en familia dirixido a promover hábitos saudables, a convivencia e o benestar físico e emocional entre persoas adultas e cativas. A iniciativa desenvolverase o sábado 10 de xaneiro, en horario de 17:00 a 18:30 horas, e terá carácter totalmente gratuíto.

O obradoiro está pensado como unha actividade compartida, na que nais, pais e fillas e fillos poidan gozar xuntos dunha experiencia de relaxación, movemento e conexión, adaptada a todas as idades. A través de exercicios sinxelos, respiración e xogos corporais, búscase reforzar os vínculos familiares ao tempo que se fomenta un estilo de vida activo e equilibrado.

Desde o Concello lembran que, debido ao número limitado de prazas, é imprescindible realizar inscrición previa. As persoas interesadas poden anotarse contactando con Olalla no teléfono 691 235 185.

Esta proposta enmárcase na programación municipal orientada á promoción da saúde e ao apoio ás familias, ofrecendo alternativas de lecer educativo e accesible para toda a veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.078891038894653