Xove pon A Mariña no mapa para os amantes do billar

AMariñaXa
Vén de acoller por primeira vez a categoría absoluta de billar, o Ranking Galego Absoluto e falamos cun xogador do club
xove-billar
25 Nov 2024

Por Amanda Fernández

"Tivemos a oportunidade de acoller o Ranking Galego Absoluto no Club de Billar de Xove", expón Luis Dayán, presidente da entidade. É a primeira vez que a categoría absoluta da Federación Galega de Billar desta disciplina se disputa na Mariña.

Normalmente, conta o presidente, celébranse en Lugo, no Club de Billar Adai; en Santiago, no Club de Billar de Teo ou en Vigo, no Club Billar Manhattan. E este ano sumáronse a Academia Poolroom en Lugo, o Club de billar Rías Baixas, en Dena, e o Club de Billar de Xove. Para que isto sexa unha realidade nesta vila da Mariña tiveron que cumprir cuns requisitos: "Hai que ter un mínimo de mesas, de determinada marca, determinado xogo de bólas, tapete para as mesas e máis poder retransmitir as partidas en directo con cámaras nas mesas, en streaming e un software especial para a competición".

Este club vén de acoller unha xornada máis da clasificación a nivel autonómica do Ranking Galego Absoluto e contaron con xogadores e xogadoras de Lugo e da Coruña. Non é a primeira cita a gran nivel que acollen, xa que este ano tamén fixeron unha proba do Circuito Galego Feminino en setembro.

"Que se celebre aquí para nós está moi ben porque sempre nos tivemos que desprazar para ir a calquera competición autonómica", destaca. O club formouse "fai pouco" grazas a que o Concello de Xove lles cedese as instalacións de Palmeiro. Agora conseguiron facer de Xove, unha referencia no billar autonómico: "Fomos en novembro de 2022 para Palmeiro e só tiámos dúas mesas e xa a partir de maio do 2023 contamos con oito mesas".

A actividade diaria do club basease normalmente en adestramentos e tamén na competición da Asociación Galega de Pool (AGP), que tamén conta con ranking de segunda, terceira e cuarta categoría e competición de equipo. Tamén teñen previsto no calendario acoller unha proba do Raking Galego Junior para febreiro. "Queremos facelo ben nestas probas marcadas no calendario e temos pensado organizar un torneo grande para o próximo ano", sinala Luis Dayán.

ÓSCAR FERNÁNDEZ, XOGADOR DO CLUB: "TODO O QUE TEN O BILLAR É BO"

"É unha oportunidade de ver xogadores bos, de máximo nivel, sen ter que desprazarme 100 quilómetros para poder velos. Un móvese, xa fun ata Adai para ver o campionato de España femenino, pero se veñen aquí é xenial para a Mariña", confesa Óscar Fernández, xogador de billar do Club de Billar de Xove sobre este acontecemento.

Óscar comezou a xogar ao billar con 16 anos, pero non foi ata os 20 cando se iniciou na competición coa Asociación Galega de Pool. "Cheguei a ser xogador de primeira na AGP cando xogaba en Lugo cidade, pero por diversas circunstancias, marchei para a Mariña. Daquela os billares só estaban nos bares e non había a mesma competición nesta zona ca en Lugo", sinala.

O billar, tal e como describe, é un xogo no que fai falta precisión, técnica, estratexia, similar ao xadrez, pero no que tes que moverte máis. Non se fan movementos fortes físicamente, pero si hai un movemento continuo. "Como disciplina, todo o que ten o billar é bo, ten posturas que se repiten, exercitas as costas, a concentración é importante e vas aprendendo a técnica e mellorando os tiros", destaca. Así, fai referencia a que tamén lle aporta bos amigos ao ser un xogo que fomenta o compañeirismo e o respecto.

"O FUTURO DO BILLAR É DESCOÑECIDO PORQUE REQUIRE TEMPO"

"Houbo un tempo no que tiña un equipo cos meus amigos, estivemos varias tempadas xogando e todas as semanas se había que desprazar a Lugo, 100 quilómetros son os que me separan. Non había tempo", conta Óscar. Considera que hai tres anos que comezou o auxe do billar coa creación de clubs.

"O primer club de billar ao que fun estaba en Teo, quedaba lonxe e probei en As Pontes, pero tampouco o tiña tan próximo. Foi logo cando me falaron de que en Xove había un club de billar, era novo e foi difícil de atopar. Logo de tres intentos conseguín atopalo e, unha vez entrei, vin algo xenial, un club ben organizado, coas mesas limpas, libre de fumes, de todo o que era estar nun bar", relata. Foi entón cando pasou a formar parte do Club de Billar de Xove iniciándose na terceira da AGP: "Estou mellorando e aprendendo grazas aos compañeiros e o bo ambiente de billar. Vou cada vez que podo e teño un momento porque o meu obxetivo é ascender a segunda".

Os tempos cambiaron, considera Óscar, xa que o billar estaba nos bares e agora estanse creando clubs, espazos amplos onde hai mesas e practicas. Hai presente e futuro, comenta, xa que o Club de Xove ten clase para nenos e nenas para aprender a xogar. "O futuro do billar é descoñecido porque require tempo, pero son moitos os beneficios. Ademais do mencionado, fomenta a igualdade, homes e mulleres xogan e será mellor quen dedique máis tempo, esforzo e constancia", conclúe.

 

 

0.18554306030273