Xove pon en marcha o club de lectura “Cantís de Papel” con gran resposta veciñal

AMariñaXa
A iniciativa da Biblioteca Municipal reúne xa a máis dunha vintena de persoas nun espazo cultural aberto e interxeracional
club-lectura-XOve-cantis-papel
11 May 2026

A Biblioteca Municipal de Xove vén de activar un novo espazo de participación cultural coa posta en funcionamento do club de lectura “Cantís de Papel”, unha proposta que nace co obxectivo de fortalecer o vínculo da veciñanza coa literatura e fomentar a lectura compartida.

Este proxecto, que comeza a dar os seus primeiros pasos, está inspirado na paisaxe dos cantís de Morás e na idea de que os libros tamén deixan pegada nas persoas, transformando a súa maneira de entender o mundo co paso do tempo. A metáfora serve de base a unha iniciativa que busca unir cultura e identidade local.

O club está a rexistrar unha excelente acollida dende o seu inicio, con máis dunha vintena de participantes de diferentes idades. A diversidade de perfís converte o espazo nun punto de encontro interxeracional no que conviven xuventude e persoas maiores arredor da lectura.

As reunións celébranse o último venres de cada mes, momento no que os asistentes comparten impresións, recomendacións e reflexións sobre unha obra previamente escollida. O formato pretende favorecer o diálogo e o intercambio de ideas nun ambiente próximo e participativo.

Dende a Biblioteca Municipal destacan a boa resposta da veciñanza e subliñan que “Cantís de Papel” está a consolidarse como unha nova canle de dinamización cultural no municipio, reforzando o papel da biblioteca como espazo vivo de encontro.

0.13205885887146