Xove impulsa un programa educativo sobre masculinidades saudables e convivencia xuvenil no IES Illa de Sarón

AMariñaXa
A iniciativa, dirixida ao alumnado da ESO, desenvolverase en catro sesións para promover a igualdade, a educación emocional e a prevención de condutas violentas e discriminatorias
XOve-ies-illa-saron
15 Apr 2026

O Concello de Xove, en colaboración co IES Illa de Sarón, pon en marcha o programa “Identidades que Suman: Masculinidades Saudables e Convivencia Xuvenil”, unha iniciativa de carácter socioeducativo dirixida ao alumnado de 3º e 4º da ESO coa finalidade de fomentar valores de igualdade, respecto e convivencia entre a mocidade.

O proxecto, promovido desde a Concellería de Servizos Sociais, Sanidade, Muller e Políticas de Igualdade, xorde como resposta a unha demanda tanto de familias como do profesorado, que veñen sinalando a necesidade de reforzar a educación en valores e a prevención de condutas discriminatorias ou violentas na adolescencia.

O programa botará a andar o vindeiro luns 20 de abril nas instalacións do IES Illa de Sarón e estrutúrase en catro sesións semanais dunha hora de duración. Ao longo destas xornadas traballarase na reflexión sobre os modelos tradicionais de masculinidade e o seu impacto na sociedade, ao tempo que se promoverá a construción de novas formas de identidade máis equilibradas, saudables e respectuosas.

Así mesmo, as sesións buscarán favorecer a expresión emocional, o desenvolvemento da intelixencia emocional e o fortalecemento do respecto mutuo entre iguais. Outro dos eixos do programa será a toma de conciencia individual como base para construír unha vida máis plena, fomentando vínculos positivos e contribuíndo ao benestar integral do alumnado.

A posta en marcha desta iniciativa chega nun contexto no que distintas autoridades educativas levan anos advertindo de certos retrocesos nos valores de igualdade entre a mocidade, así como da persistencia de condutas machistas e violentas. Neste sentido, o Concello de Xove pretende actuar de maneira preventiva e educativa, reforzando a convivencia e a cohesión social desde a etapa escolar.

“Identidades que Suman” está deseñado cunha metodoloxía adaptada á linguaxe e ás dinámicas propias da adolescencia, co obxectivo de implicar activamente ao alumnado e fomentar unha mirada crítica e consciente sobre as relacións humanas.

As catro sesións do programa contan co financiamento da Consellería de Política Social e Igualdade e do Ministerio de Igualdade, no marco das políticas de promoción da igualdade e prevención da violencia entre a mocidade.

0.11269593238831