Xove contará con seis alumnos-traballadores no novo obradoiro de emprego con Burela e Cervo

AMariñaXa
O programa formará a 20 persoas en xardinaría durante 1.440 horas e permitirá realizar actuacións en zonas verdes, espazos municipais e rutas de sendeirismo
Concello-de-Xove-edificio-casa-consistorial
9 Sep 2026

Xove participará nunha nova edición do obradoiro dual de emprego "Sendas de Burela, Cervo e Xove XII", un proxecto compartido polos tres municipios que acaba de recibir a aprobación do Goberno autonómico. A iniciativa, solicitada polo Concello de Cervo, ofrecerá formación e experiencia laboral a un total de 20 persoas alumnas-traballadoras.

O programa contará con 1.440 horas de formación na especialidade de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinaría. O inicio deberá producirse, como máximo, o 15 de outubro de 2026, mentres que a data límite para a súa finalización será o 14 de xullo de 2027.

Do total de participantes, seis desenvolverán a súa actividade en Xove, onde poderán formarse como auxiliares de xardinaría ao mesmo tempo que realizan diferentes traballos de utilidade municipal.

Entre as actuacións previstas figuran o saneamento e preparación de terreos e a plantación de árbores autóctonas en zonas verdes. O alumnado tamén intervirá nos xardíns municipais e levará a cabo tarefas de acondicionamento e mantemento de espazos públicos.

A programación inclúe igualmente actuacións de mellora ambiental e o mantemento de rutas de sendeirismo, de maneira que a formación práctica terá unha aplicación directa en diferentes puntos do municipio.

As persoas que cumpran os requisitos e estean interesadas en incorporarse ao obradoiro como alumnado-traballador deberán acudir, con cita previa, á Oficina de Emprego de Burela para presentar a correspondente solicitude.

O Concello de Cervo será o responsable do proceso de selección tanto das persoas participantes como do equipo encargado da dirección, docencia e xestión do programa. As persoas interesadas en obter máis información sobre este procedemento poden contactar directamente coa administración cervense.

0.17625498771667