Xove celebra cinco días de festas con grandes orquestras, tradición e propostas para todas as idades

Xove mergullarase de cheo no ambiente festivo do 27 ao 31 de agosto coa celebración das súas festas na honra de San Bartolo e a Virxe do Carme. Cinco días de programación levarán ao municipio verbenas, tradición, propostas culturais e infantís, gastronomía, deporte e folclore, cun cartel musical no que figuran algunhas coñecidas formacións do panorama verbeneiro.
O punto de partida chegará o xoves 27 cunha proposta para os máis pequenos. Caxoto presentará ás 12.00 horas, na praza anexa á biblioteca, 'Moito que limpar', unha actividade de contos de igualdade integrada no programa Ler Conta Moito.
O inicio oficial das festas producirase ás 20.30 horas no Salón de Actos do Centro Cívico, onde Oliver Escobar, veciño de Xove e catedrático na Universidade de Edimburgo, pronunciará o pregón. Ás 22.00 horas, o Grupo Claxxon levará a escena a ópera rock 'O camiño do amor', dentro de Concertos do Xacobeo 2027.
Sardiñada e primeiras verbenas
A programación familiar continuará o venres 28 ás 12.00 horas coa Maga Fani e o espectáculo 'Uns enredos sorprendentes'. Xa ás 20.00 horas celebrarase a Sardiñada Popular, animada pola Charanga NBA e con entradas a un prezo de 4 euros. A noite estará reservada para a verbena coa Orquestra Ritmo Joven e Grupo América.
San Bartolo centrará a xornada do sábado 29. Pola mañá, a Banda Naval de Viveiro e os cabezudos da A.C. Saíñas percorrerán as rúas, antes da misa solemne e da procesión das 13.00 horas. A Orquestra Principal será a encargada de animar a posterior sesión vermú.
O folclore tomará o relevo ás 19.30 horas no pavillón de deportes coa celebración do XL Festival de San Bartolo da A.C. Saíñas. Pola noite chegará un dos momentos máis multitudinarios do programa, con fogos de artificio e unha verbena protagonizada polas orquestras Principal e Gran Parada. A Disco Móbil Conxuro continuará a festa ao remate das actuacións.
El Combo Dominicano actuará o domingo
O domingo 30 estará dedicado á Virxe do Carme. A Banda CC.TT. Ntra. Sra. de la Misericordia protagonizará os pasarrúas da mañá e acompañará a misa solemne e a procesión previstas para as 13.00 horas. A continuación será a quenda da sesión vermú con Nueva Fuerza.
O deporte tamén terá o seu espazo. Ás 19.00 horas, o Campo Municipal de Fútbol acollerá o XXXVI Torneo Concello de Xove, que enfrontará á U.D. Xove-Lago e ao C.D. As Pontes. Pola noite, El Combo Dominicano será o encargado de animar a última gran verbena das festas.
O peche chegará o luns 31, festivo local, cunha tarde dedicada á infancia. Desde as 17.00 horas instalaranse inchables na praza do Concello, nunha actividade para a que se recomenda aos participantes levar bañador e toalla.
As Festas de San Bartolo e a Virxe do Carme ofrecerán así cinco días de actividade nos que Xove combinará as celebracións máis tradicionais con propostas de lecer para diferentes públicos.