Xove busca as mellores imaxes da súa natureza, costa e mar

O Concello de Xove pon en marcha a duodécima edición do Concurso de Fotografía Medioambiental, unha iniciativa que volve convidar a retratar a natureza, a costa e o mar do municipio a través de diferentes miradas.
O certame busca poñer en valor a riqueza medioambiental de Xove e descubrir, a través da fotografía, paisaxes, espazos naturais e elementos vinculados ao litoral e ao medio mariño. As persoas afeccionadas á fotografía poderán así plasmar a súa particular visión da contorna xovense e optar aos diferentes galardóns establecidos pola organización.
O concurso contará cunha categoría única e cinco premios económicos. A fotografía gañadora recibirá 120 euros, mentres que o segundo premio estará dotado con 100 euros e o terceiro con 90. O cuarto e o quinto clasificados obterán 75 e 65 euros, respectivamente.
As persoas interesadas terán de prazo ata o 30 de outubro de 2026 para presentar os seus traballos. As fotografías poderán entregarse no Rexistro de Entrada do Concello de Xove ou enviarse por correo postal ordinario. Neste último caso deberá constar no sobre a data de presentación.
As bases completas e a convocatoria do XII Concurso de Fotografía Medioambiental poden consultarse na web municipal, www.xove.es.
Para resolver dúbidas ou ampliar información, as persoas interesadas tamén poden dirixirse ao Departamento de Medio Ambiente do Concello de Xove, a través do teléfono 982 592 001.
Con esta nova convocatoria, o Concello anima a veciñanza e ás persoas afeccionadas á fotografía a captar a beleza da paisaxe xovense e converter a natureza, a costa e o mar nos protagonistas das súas imaxes.