Xove acolle este sábado unha nova cita da Copa de Galicia Pumptrack, puntuable para o ranking nacional

Este sábado, 5 de xullo, o Concello de Xove volverá ser epicentro do ciclismo urbano coa celebración do II Gran Premio Concello de Xove, unha das probas da Copa de Galicia Pumptrack 2025, que este ano é puntuable para o ranking nacional da Real Federación Española de Ciclismo. A competición, organizada en colaboración coa entidade Sportskids, promete emoción e espectáculo sobre rodas, converténdose nunha das citas máis atractivas do calendario galego desta modalidade.
O circuíto de pumptrack de Xove, considerado un dos máis avanzados e mellor valorados de Galicia, sitúase actualmente entre os tres favoritos polos riders galegos. Este feito, xunto coa súa condición de puntuable a nivel estatal, garante unha alta participación e un nivel competitivo de primeiro nivel.
Desde o Concello de Xove destacan o seu compromiso coa promoción do pumptrack e con atraer eventos deportivos que xeren dinamismo no municipio. “Un ano máis apostamos por esta disciplina e por atraer deportistas de toda España e mesmo de Portugal”, sinalan desde a organización.
A competición poderá seguirse en directo a través de Youtube, polo que os afeccionados que non poidan desprazarse ata Xove terán a posibilidade de desfrutar da proba desde calquera lugar. Desde a organización agardan que todos os corredores e corredoras que se acheguen desde diferentes puntos da Península gocen dunha experiencia única tanto no deportivo como no humano.