Xove abrirá a primavera cunha nova edición da Festa de San Isidoro de Monte

AMariñaXa
Será os días 11 e 12 de abril en Penas Agudas
presentacion-festa-san-isidoro-de-monte-2026
8 Apr 2026

A Asociación Cruz de Loureiro, co apoio do Concello de Xove, prepara unha nova edición da Festa de San Isidoro de Monte, que se celebrará os días 11 e 12 de abril en Penas Agudas, dando a benvida á primavera no municipio.

A programación, que foi presentada este martes nun a acto que contou coa presenza do alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, a concelleira de Cultura, Dolores Meitín, e membros da comisión de festas, entre eles Antonio Paleo, Miguel Otero, Lorena Pérez e Antonio Liborio, dará comezo o sábado 11 cunha misa solemne, seguida dun xantar popular que contará coa animación musical do Dúo Belinda e o Grupo Fénix. Durante a tarde desenvolverase un concurso de pasodobre e bachata.

A xornada do domingo 12 comezará ás 10:00 horas cunha ruta de sendeirismo aberta á participación, que poderá realizarse a pé, a cabalo ou en bicicleta, segundo indica a organización. Ao remate da actividade, haberá sesión vermú e un xantar amenizado con música, co obxectivo de favorecer un ambiente de convivencia e lecer. A organización destaca que durante ambos días a celebración contará cunha carpa para garantir o seu desenvolvemento en caso de condicións meteorolóxicas adversas.

0.13233399391174