Xove abre o prazo para solicitar as axudas municipais ao estudo

O Concello de Xove abriu o prazo para presentar as solicitudes das axudas municipais ao estudo, unha convocatoria dirixida a apoiar economicamente ás familias do municipio nos gastos derivados da escolarización.
As subvencións contemplan tres modalidades de apoio: comedor escolar, estancia e transporte, co obxectivo de facilitar o acceso á educación e contribuír a aliviar parte dos custos que asumen as familias ao longo do curso académico.
A convocatoria foi publicada no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o pasado 14 de xullo, polo que as persoas interesadas dispoñen de prazo para formalizar a súa solicitude ata o vindeiro 11 de agosto.
Os impresos necesarios para tramitar a petición poden recollerse tanto no Rexistro Municipal como no Departamento de Servizos Sociais do Concello de Xove, onde tamén se ofrece información sobre os requisitos e a documentación que debe achegar cada solicitante.
Desde o Concello animan ás familias que cumpran as condicións establecidas na convocatoria a presentar a súa solicitude dentro do prazo previsto, co fin de beneficiarse destas axudas destinadas a favorecer a igualdade de oportunidades no acceso á educación.