‘Xogo e Xente’ regresa a Burela con torneos de parchís, tute e oca durante o verán

AMariñaXa
A iniciativa desenvolverase entre xullo e agosto na Praza da Mariña para promover a convivencia, a participación cidadá e o encontro interxeracional a través dos xogos tradicionais
programa-xogo-e-ente-burela
11 Jul 2026

O Concello de Burela volverá organizar este verán unha nova edición de ‘Xogo e Xente’, unha iniciativa que, tras a boa acollida das convocatorias anteriores, consolida os seus torneos sociais de xogos tradicionais. O programa inclúe a terceira edición do torneo de parchís por parellas e a segunda dos campionatos de tute e oca.

As actividades desenvolveranse na Praza da Mariña a partir das 20.30 horas. O torneo de parchís celebrarase os días 20 e 21 de xullo, mentres que o de tute terá lugar os días 3 e 4 de agosto. Pola súa banda, o campionato da oca disputarase os días 10 e 11 de agosto.

As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición na Casa do Concello ou a través do correo electrónico cultura@burela.org. As bases completas da convocatoria están dispoñibles na páxina web municipal.

“Con ‘Xogo e Xente’ queremos recuperar os xogos de sempre como un espazo de encontro e convivencia. É unha proposta pensada para que persoas de todas as idades compartan tempo, se coñezan e desfruten xuntas das noites de verán en Burela”, destacou a concelleira de cultura, Lina Gómez.

Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais, Sandra Fernández, sinalou que “este programa demostra que o lecer tamén pode ser unha ferramenta para crear comunidade. A través destes torneos fomentamos a participación, as relacións entre xeracións e un envellecemento activo, facendo da Praza da Mariña un punto de encontro para toda a veciñanza.”

Desde o Concello animan á cidadanía a participar nesta iniciativa, que, segundo destacan, continúa incrementando a participación edición tras edición e consolídase como unha proposta de lecer saudable orientada a fomentar a convivencia, recuperar os xogos tradicionais e dinamizar a vida social durante os meses de verán.

0.11506581306458