Xabier Doural, o compositor de Foz que conquista os premios World Soundtrack Awards

Foz
GaliciaXa | AMariñaXa | ACoruñaXa
O músico de Foz foi distinguido como mellor compositor novo en Bélxica tras ser seleccionado entre 123 candidatos polo seu traballo coa serie estadounidense 'Ratched'
Xabier-Doural-compositor-Foz
25 Oct 2026

Xabier Doural (Foz, 1998) acaba de sumar un importante recoñecemento internacional á súa carreira musical ao ser distinguido como mellor compositor novo nos World Soundtrack Awards, uns premios dedicados á música cinematográfica que se entregan no marco do Festival de Cine de Gante, en Bélxica. O músico mariñán chegou á final tras ser seleccionado entre 123 candidatos, un logro que pon en valor o seu traballo nun ámbito tan competitivo como o da composición de bandas sonoras.

A súa candidatura estivo vinculada a un reto creativo: compoñer a música de apertura dos títulos de crédito da serie estadounidense de drama psicolóxico 'Ratched'. A obra interpretouse durante a cerimonia pola Filharmónica de Bruxelas, un momento que Doural viviu con emoción. "Estaba tranquilo e un pouco emocionado porque, ao final, a obra que eu compuxera ía ser tocada nesa cerimonia. Iso xa era algo que non pasa todos os días", explica.

O compositor recoñece que compartir espazo con profesionais responsables de bandas sonoras de películas estreadas ao longo do ano foi unha experiencia que lle impuxo respecto. Os World Soundtrack Awards contan con distintas categorías internacionais, entre elas as dedicadas ao mellor compositor do ano e ao recoñecemento do público. Recibir o galardón supuxo para el unha satisfacción especial e un impulso para continuar desenvolvendo a súa carreira.

Dos primeiros pasos en Foz á formación musical superior

A relación de Xabier Doural coa música comezou na súa vila natal. Estudou no número un de Foz, preto da escola na que empezou a tocar o trombón na Escola de Música municipal. Nun primeiro momento non tiña claro se quería matricularse, malia que a súa irmá xa acudía ás clases, pero a decisión dalgúns amigos de apuntarse animouno a dar o paso.

Máis adiante, continuou os estudos no Conservatorio de Viveiro, onde cursou o grao elemental de trombón e piano. Aos 18 anos chegou o momento de decidir cara a onde orientar o seu futuro e trasladouse á Coruña para completar o Grao Superior de Música e formarse en Dirección de Orquestra. Ao mesmo tempo, compatibilizou esta preparación co Grao de Física en Santiago de Compostela.

Daquela etapa garda experiencias que considera logros persoais, como tocar en varias ocasións coa Orquestra Sinfónica de Galicia. Para el, participar nunha formación destas características foi unha oportunidade moi especial como trombonista.

A súa carreira como compositor de música para o audiovisual comezou ao cursar un máster en Composición de Bandas Sonoras na Universidade Complutense de Madrid. En xaneiro deste ano, decidiu presentarse a un concursos internacional para poñerlle a banda sonora a unha curtametraxe e quedou segundo. Iso deulle impulso para presentar en maio ao segundo, este de Dante que acaba de gañar.

Novos proxectos e unha carreira por construír

Na actualidade, Doural compaxina a docencia a media xornada no conservatorio coa creación de novas pezas e pequenos proxectos. O seu obxectivo é ampliar o seu portfolio musical para presentar o seu traballo a directores e equipos especializados na composición de bandas sonoras.

Ademais, está a participar na creación da música dunha película de comedia. Trátase dun proxecto que forma parte do traballo de fin de carreira dunhas estudantes de Montevideo, en Uruguai, e que lle permite seguir sumando experiencia no ámbito audiovisual.

O músico ten claro que a súa prioridade é continuar aprendendo e atopar novas oportunidades profesionais. "Aínda falta moita experiencia, moito que aprender. O principal é seguir collendo experiencia", sinala. A súa intención pasa por colaborar en novas producións e consolidar un repertorio de traballos que lle permita darse a coñecer entre profesionais do sector.

A música como un personaxe máis

Á hora de compoñer para o cine, Doural considera que a banda sonora desempeña unha función esencial na maneira en que o público percibe unha historia. "A música é como se fose un personaxe máis que contribúe a chegar emocionalmente máis ao espectador", explica.

A diferenza doutras composicións musicais, o traballo para o audiovisual está condicionado pola escena e polo carácter que esta precisa transmitir. A música debe acompañar a acción, reforzar as emocións e contribuír á construción narrativa da película.

No caso dunha composición para unha orquestra sinfónica en directo, o músico dispón de maior liberdade para desenvolver as súas ideas dentro das posibilidades instrumentais da formación. No cine, pola contra, a imaxe e a historia marcan o camiño creativo.

Doural cita exemplos de grandes producións como 'Piratas do Caribe' e 'Star Wars', nas que a música permanece na memoria colectiva e acaba formando parte inseparable da experiencia cinematográfica.

A pesar de que a súa carreira no ámbito das bandas sonoras acaba de comezar, o recoñecemento internacional conseguido en Gante representa un paso importante para este músico de Foz, que continúa a súa formación e traballa para abrirse camiño nun sector no que aspira a seguir medrando sen esquecer as súas raíces na Mariña.

Precisamente, Doural destaca o papel que desempeñaron os profesores e amigos da súa terra nos seus primeiros pasos musicais. "Os profesores e amigos que tiven na Mariña foron moi importantes para a miña formación musical. Tiven profesores moi bos que souberon transmitirme a música con moito cariño. Non só me ensinaban, senón que tamén me ensinaban a gozar e a xogar coa música", lembra. Unha maneira de entender a música que segue presente no seu traballo actual. "Por iso, sigo herdando todo iso ata agora. Estou moi agradecido coa Mariña Lucense", conclúe.

0.15438103675842