Xabier Díaz e Luar na Lubre protagonizan o peche musical das San Lucas de Mondoñedo

AMariñaXa
A festa, que celebra a súa 870ª edición, despedirá a fin de semana cunha xornada de tradición e cultura que incluirá xogos populares, pasarrúas e un encontro folclórico
Programación-As-San-Lucas-Mondoñedo-26
22 Oct 2026

As San Lucas de Mondoñedo afrontan a recta final da súa 870ª edición cunha programación especial baixo o lema "Terra de encontros", que encherá de actividades culturais e tradicionais a cidade este sábado. Entre as propostas máis destacadas figuran os concertos gratuítos de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre e Luar na Lubre, dous nomes destacados da música galega que poñerán o broche á celebración.

A programación, promovida pola Deputación de Lugo en colaboración coa Asociación As San Lucas de Mondoñedo, arrancará ás 12.00 horas na Praza da Catedral con xogos tradicionais organizados por Xotramu.

Xa pola tarde, a partir das 17.00 horas, os pasarrúas percorrerán diferentes zonas da cidade, con saídas desde a contorna da Alameda, o barrio dos Muíños e o Auditorio Municipal Pascual Veiga. A actividade dará paso a un encontro folclórico no Seminario de Santa Catalina, no que actuarán Os do 21, do Vicedo; A Subela, de Foz; e Ledicia, de Burela.

A música tomará o protagonismo ás 20.30 horas na Praza da Catedral co concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. O artista estará acompañado desta formación feminina, que combina a percusión tradicional coas voces para ofrecer unha proposta que conecta a tradición galega coa creación contemporánea.

A última actuación da xornada chegará ás 22.30 horas, no mesmo escenario, con Luar na Lubre. O grupo, un dos grandes referentes do folk galego, leva décadas difundindo a música e a cultura de Galicia dentro e fóra das súas fronteiras.

Con esta programación, as San Lucas encaran a súa despedida cunha xornada que combina música en directo, folclore e actividades populares para reivindicar a tradición e a identidade cultural galegas.

0.15542602539062