Willow GHZ, The Rapants e Grande Amore levan os premios do primeiro concurso de videoclips de Pantallas Sonoras

A primeira edición de Pantallas Sonoras xa ten gañadores. Willow GHZ, The Rapants e Grande Amore repartíronse os tres premios do I Concurso de Videoclips, que pechou este sábado a súa programación en Burela coa proxección dos 11 traballos finalistas e unha sesión celebrada no marco do festival Osa do Mar.
O Premio do Xurado Profesional, dotado con 500 euros, foi para Seguirei perdendo, de Willow GHZ. O xurado, integrado polos cineastas Paloma Zapata e Saúl Rivas e a xestora musical Sara Roca, valorou especialmente a proposta estética, a súa forza narrativa e o risco visual do videoclip.
O Premio do Xurado Fundación Eu Son recaeu en Non sei como, de The Rapants ft. Joe Crepúsculo, dirixido por La Bellavista. Neste caso, o galardón foi decidido por un comité formado por dez persoas usuarias da entidade, que destacou o dinamismo da peza e a súa capacidade para conectar con públicos diferentes a través do ritmo e do humor.
Pola súa banda, o Premio do Público foi para Ontes fun moi malo, de Grande Amore, dirixido polo mariñao Xaime Miranda. O videoclip, construído arredor dunha estética western, foi o máis votado polos espectadores despois da proxección dos 11 traballos da Sección Oficial.
Os tres gañadores recibiron ademais pezas escultóricas deseñadas especificamente para o concurso polo artista burelao Martín Lestao.
Unha primeira edición con preto dun cento de propostas
Os premios puxeron o broche final á primeira edición de Pantallas Sonoras, unha iniciativa da Plataforma Ultramar que durante catro xornadas combinou cine, música e creación audiovisual en distintos espazos de Burela.
O concurso recibiu case un cento de propostas, das que finalmente 11 chegaron á Sección Oficial. A sesión final permitiu ao público coñecer todas as pezas antes da entrega dos galardóns.
A programación cinematográfica tamén tivo resposta por parte do público. As sesións celebradas no Auditorio Municipal de Burela reuniron preto de 200 espectadores e estiveron acompañadas de coloquios cos seus responsables. Entre as propostas proxectadas estiveron Ao son da nova regueifa, de Saúl Rivas e Manolo Maseda, e Casamance: Banda sonora dunha viaxe, de Paloma Zapata.
O ciclo completouse coa actuación de Gara Durán e unha sesión DJ de Anxo Ferreira no Barco Museo, ademais da colaboración co festival Osa do Mar para a celebración da final do concurso.
Con esta primeira edición, Pantallas Sonoras puxo o foco na relación entre música e imaxe, utilizando o videoclip como punto de encontro entre a creación musical e audiovisual e dando cabida tanto a artistas consolidados como a novas propostas.