Volven a Ribadeo as actividades de SetembroXNatural para poñer en valor o medio ambiente

AMariñaXa
A concelleira de Turismo, Marta Saiz, anunciou a nova edición do evento, destacando as actividades “Baños de Mar” e “Froitos do Mar”
Ribadeo-2023--Foto-Froitos-do-Mar-2
3 sep 2024

Este mes de setembro, Ribadeo volve a encherse de vida coas actividades de SetembroXNatural, un programa dedicado a destacar a importancia do medio ambiente, especialmente o mar, e dirixido a un público familiar. A concelleira de Turismo, Marta Saiz, anunciou a nova edición do evento, destacando as actividades “Baños de Mar” e “Froitos do Mar” como eixos centrais da programación.

Saiz explicou que "Baños de Mar" ten como obxectivo recordar a figura das canouras, pioneiras no turismo de Ribadeo, a través de conferencias e visitas guiadas que explorarán o poder curativo das augas mariñas e o seu uso histórico na vila. Ademais, o programa incluirá actos lúdicos e musicais, así como baños de mar colectivos, ofrecendo unha experiencia completa para os asistentes.

Por outra banda, "Froitos do Mar" centrarase na localidade de Rinlo, onde se organizará unha visita guiada pola súa costa. A actividade incluirá un percorrido desde a confraría ata as cetarias, destacando o legado histórico de Rinlo, desde os seus inicios como porto baleeiro ata a súa actualidade como un punto de referencia gastronómico, especialmente recoñecido polo percebe e a calidade dos seus restaurantes. A concelleira animou a veciñanza e visitantes a participar: "Desfrutemos do noso setembro, do noso mar, da nosa terra e das actividades que, con moito respecto, coidado e agarimo, temos preparadas para o voso desfrute".

0.07162880897522