Volve o VI Torneo Marosa Cup de fútbol, que reunirá a equipos da provincia en Burela
O VI Torneo Marosa Cup volve a Burela do 24 ao 26 de xuño, reunindo a 60 equipos de fútbol e ao redor de mil xogadores nos equipos de competición. Distribuiranse por días nun total de seis categorías, de xeito que o venres 24 de xuño competirán os equipos de infantil e cadete; o sábado 25, será a quenda dos benxamíns e alevíns; e o domingo 26 de xuño sairán ao campo os prebenxamíns e biberóns.
Ao longo desta fin de semana poderanse ver partidos nos que competirán o CD Lugo, o Deportivo da Coruña, así como os equipos do Ourense, O Coruxo, Bergantiños, Caldas de Reis e mesmo equipos de Asturias, entre outros.
Desde a organización da SD Burela, confirmaron na presentación que participarán sobre o terreo preto dun milleiro de xogadores, superando a cifra con respecto a edicións anteriores.
O concelleiro de Deportes, Ramiro Fernández, destacou na presentación a relevancia “dun evento referente que trae a Burela moitísima xente ao longo deses tres días e que por tanto ten unha repercusión económica, social e deportiva evidente”. Unha aposta do goberno local por dar apoio a este tipo de eventos “que son tamén un revulsivo económico para o sector do comercio e hostaleiro”, en referencia á celebración tamén en Burela do Campionato de España de Fútbol Sala e a “todos os proxectos aos que damos soporte e promovemos, pois deporte e turismo van moitas veces da man e repercuten positivamente nos negocios e empresas da vila”.
Sinalou tamén que tanto o Concello, facilitando os medios e as instalacións deportivas, como a Deputación de Lugo, que realiza de novo unha achega económica a través do Plan Único, “apoiamos este torneo, unha cita xa consolidada no calendario anual deportivo”.
Por ese motivo, o edil agradeceu a colaboración do organismo provincial, así como a organización do Club Sociedade Deportiva de Burela, representado na persoa do seu presidente, Jesús Manuel Ares, e ao Porto de Burela, de categorías inferiores, polo traballo que realizan durante todo o ano e particularmente para a celebración do Marosa Cup.