Volve a Foliada da Mariña cos primeiros Cantos de Taberna
A Asociación Cultura Saiñas de Xove organiza, coa colaboración do Concello de Xove, unha nova edición da Foliada da Mariña. Coa cita, que terá lugar na praza do Concello o 14 de setembro, pretenden celebrar a música, a danza e a cultura galega. Esta décimo sexta convocatoria da celebración ía celebrarse no mes de xuño pero tivo que ser aprazada.
Por primeira vez poñen en marcha uns Cantos de Taberna nos que cada grupo participante terá uns 25 minutos para convencer da súa actuación. Serán os bares os encargados de determinar o grupo gañador.
Os Cantos de Taberna, para o que é preciso realizar a inscrición a través do formulario, desenvolveranse de 12.00 a 14.30, mentres que a foliada, que tamén mantén abertas as inscricións, será pola tarde terá lugar en horario de 18.30 a 22.30. Nas últimas edicións, houbo obradoiros infantís, actuacións musicais da man de varios grupos da comarca, xantar e sorteos.