Volve a Alfoz o Festival Atlántica

AMariñaXa
Arranca a cita cunha proposta da compañía en Branca e Negra composta por elementos da narración oral, do teatro e da música en directo
castelo-castrodouro-Alfoz
4 Xul 2024

Volve a Alfoz o Festival Atlántica. O venres día 5 de xullo ás 21.00 horas no Castelo de Castrodouro, volve a cita cunha proposta da compañía en Branca e Negra (Amor Herrera e Cris de Caldas) pensada para adultos heteroxénea e composta por elementos da narración oral, do teatro e da música en directo; un espectáculo que lles rende homenaxe ás persoas migrantes, ás de antes e ás de agora.

Nesta función levaran ao público de viaxe no espazo e no tempo a través de historias de migracións, sabedoras da importancia de non perder a memoria e da riqueza da diversidade cultural. As dúas pensan que rememorando o pasado, entenderase mellor o presente e respectarase o futuro porque hai historias e contos que teñen billetes de ida e de volta, coma a vida mesma.

O sábado 6 de xullo tamén ás 21.00 horas o contador José Luis Gutiérrez, máis coñecido como Don Guti, invita ao público a participar nun espectáculo onde o romance e o conto tradicional vanse zarrapicando da xeografía, da vida das cociñas, dos traballos do campo, das historias de vida de cada informante, e de cada vella que entra e sae do escenario da man deste zamorano. Funciona como un exercicio de agradecemento a quen lle regalou o testemuño dun mundo oral, e aspira a ser, para quen escoita, unha volta ao tempo feliz no que a palabra do vello era necesaria.

0.15702104568481