Viveiro xa ten cartel para as festas patronais

AMariñaXa
O Concello de Viveiro presenta o cartel para as festas patronais deseñado pola pintora local Oliva Díaz Mejuto
cartel festas patronais viveiro 2022 1
cartel festas patronais viveiro 2022 1
22 jul 2022

O deseño supón, segundo a artista, “unha homenaxe ao meu querido Viveiro, ás súas xentes e tradicións”.

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro e a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, presentaron esta mañá o cartel das Festas Patronais deste ano, xunto á artista encargada do deseño, Oliva Díaz Mejuto. 

Como cada ano, o Concello de Viveiro encarga o deseño do cartel a un artista local, co obxectivo de fomentar o talento artístico do municipio. Neste ano a pintora Oliva Díaz Mejuto, foi a responsable do cartel. 

“O deseño de Oliva transmite sen dúbidas o espírito das nosas festas, cuxo programa completo detallaremos proximamente. De momento, xa anunciamos o concurso de karaoke, Viveiro Canta; o desfile dos cabezudos e mais o concerto de Mikel Erentxun”, recorda a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro. 

Pola súa banda, a concelleira de Cultura recorda que esta iniciativa “pon en valor aos artistas locais, para que cada un mostre a súa visión desta cita”. Ademais, “no deseño deste ano, reivindícanse os cabezudos, tan ansiados polos nenos/as e que todos recordamos da nosa infancia”, engade a concelleira.  

Pola súa banda, Oliva Díaz Mejuto expresou que o deseño do cartel supoñía unha importante responsabilidade, ademais dunha gran honra. Segundo a deseñadora do cartel, “os xigantes e cabezudos, en primeiro plano, son o símbolo de Viveiro en festas e unha homenaxe ás familias; no fondo, unha vista da Praza Maior, que é o centro dos actos festivos; tamén aparece a Biblioteca Municipal no centro, en cuxo balcón se da o pistoletaxo de saída ás festas”. 

Respecto da cor, as protagonistas do cartel son as cores primarias, que caracterizan a obra desta pintora, outorgándolle luz e cor, cun carácter festivo. 

“Agardo que o deseño lles guste tanto a adultos como á rapazada xa que supón unha homenaxe ao meu querido Viveiro, ás súas xentes e tradicións”, finaliza a artista.