Viveiro presentou a programación completa das súas Festas Patronais

AMariñaXa
O Concello de Viveiro presentou a programación completa das súas Festas Patronais 2022 que serán tres semanas no mes de agosto
1 cartel festas patronais viveiro 2022
1 cartel festas patronais viveiro 2022
28 jul 2022

Por primeira vez haberá un pregoeiro, que será o escritor Ramón Pernas.

O Concello de Viveiro presentou a programación completa das súas Festas Patronais 2022, que durante tres semanas no mes de agosto ofrecerán actividades culturais de todos os estilos e para todas as idades.

“Despois de dous veráns de limitacións pola pandemia, recuperamos o pulso habitual das festas, que ademais da programación serán un lugar de encontro para os veciños de Viveiro, os familiares que viven fóra o resto do ano e os turistas que chegan á nosa vila”, asegura a alcaldesa, María Loureiro.

Por primeira vez, haberá un acto de pregón a cargo do escritor Ramón Pernas, natural de Viveiro. Será o día 14 de agosto ás 13:00 horas desde o balcón da Biblioteca Municipal. Actuará alí a Banda Municipal o Landro interpretando o himno ‘Catro Vellos Mariñeiros’.

Ramón Pernas é un fixo nas festas patronais de Viveiro e leva o nome da nosa vila con orgullo por toda España, incluso nas súas novelas. Habitual polas rúas da concello, amosará no seu pregón o que representa para el Viveiro.

A concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, destaca “o noso interese en continuar cos eventos inclusivos, como os concertos de Serafín Zubiri e Xabier Díaz, nos que haberá linguaxe de signos e mochilas vibratorias, ademais dunha actividade familiar como é o concerto ‘Chungo Pastel’ a cargo da Fundación Igualarte, composta por persoas con diversidade funcional”. 

“Será unha programación ecléctica, apostando tamén pola cultura feita en Viveiro e recuperando a tradicional sardiñada, a proxección '60 minutos en positivo' ou os cabezudos pola rúa”, engade Fernández-Noriega. 

Unha das citas máis importantes será o concerto de Mikel Erentxun o día 15 de agosto, ademais do concurso de karaoke o día 8 ou o festival de corais o 14. Dentro das exposicións previstas, destaca ‘Espazos Alternativos’ coa asociación Os Negativos, con fotografías que se instalarán nos balcóns da vila.

A programación inclúe tamén actividades deportivas, actos litúrxcos, pasarrúas, e as feiras do libro e de artesanía. O 19 de agosto, os xardíns Noriega Varela acollerán o Día da Cativada, con actividades para os nenos e nenas.