Viveiro volve camiñar contra o cancro cunha nova edición da marcha solidaria

AMariñaXa
A iniciativa terá lugar o 10 de agosto e busca recadar fondos para a investigación oncolóxica e o apoio a pacientes e familias
en-marcha-contra-o-cancro-cartel
8 Aug 2025

Viveiro acollerá o vindeiro domingo 10 de agosto unha nova edición da marcha solidaria 'Viveiro en marcha contra o cancro', impulsada pola Asociación Española Contra o Cancro (AECC). A saída será ás 11.00 horas dende a Fonte de Covas e o percorrido, duns cinco quilómetros, estenderase ata Celeiro.

A actividade ten un dobre propósito: visibilizar a loita contra esta enfermidade e reunir fondos destinados tanto á investigación oncolóxica como aos programas de acompañamento para persoas diagnosticadas e os seus achegados.

As persoas interesadas poden formalizar a súa participación ata as 23.59 horas do venres 9 de agosto. Existen dúas opcións para inscribirse: en liña, a través da páxina web oficial do evento, ou de forma presencial en varios puntos do municipio. En concreto, poderase facer no taller de costura Loli Polo en Covas, na mercería Silvia en Cantarrana, no salón multiusos do Concello de Viveiro e na gasolineira Repsol de Celeiro.

O custo da inscrición é de 10 euros e inclúe unha camiseta conmemorativa do evento. Ademais, quen non poida participar fisicamente na camiñada ten tamén a posibilidade de colaborar cun donativo solidario.

O mesmo día da marcha tamén será posible anotarse presencialmente, dende as 10.00 horas, na zona de saída situada nos Castelos, en Covas.

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, quixo salientar a importancia de sumar esforzos a través deste tipo de propostas: "A resposta solidaria da veciñanza de Viveiro é sempre exemplar. Agardamos que esta nova edición da marcha sexa un éxito de participación e contribúa a dar visibilidade e apoiar unha causa que nos toca de preto a todos".

⚙ Configurar cookies
0.18880105018616