Viveiro reservará prazas de estacionamento para residentes en Celeiro durante o Resurrection Fest

AMariñaXa
O Concello habilita unha zona específica nas rúas Lavandeiras, Arribada e Rego da Fonte para minimizar o impacto do festival na veciñanza
resurrection-fest-2023
16 Jun 2026

O Concello de Viveiro porá en marcha unha medida excepcional con motivo da celebración do Resurrection Fest, que terá lugar entre os días 1 e 4 de xullo, consistente na habilitación dunha zona de estacionamento exclusiva para persoas empadroadas nas rúas Lavandeiras, Arribada e Rego da Fonte, na contorna de Celeiro.

A iniciativa ten como principal finalidade reducir as molestias derivadas do elevado fluxo de asistentes ao festival, que cada ano provoca unha intensa presión sobre o estacionamento nesta área do municipio.

As persoas interesadas en obter a acreditación que lles permitirá facer uso desta zona reservada deberán solicitala de forma presencial no Departamento de Sancións do Concello de Viveiro durante os días 25 e 26 de xuño.

Para poder acceder ao permiso será imprescindible estar empadroado ou empadroada nalgunha das rúas incluídas no dispositivo e ser titular do vehículo, xa que o distintivo incluirá a matrícula correspondente.

O Concello aclara que esta acreditación dará dereito ao uso da zona reservada para residentes, pero non suporá a reserva dunha praza concreta nin garantirá a dispoñibilidade de espazos libres en todo momento. Trátase, polo tanto, dunha medida de prioridade de acceso fronte aos vehículos de visitantes durante os días do evento.

Desde o goberno municipal sinalan que esta é a primeira vez que se adopta unha iniciativa destas características en Viveiro, coa que se busca mellorar a organización do tráfico e o estacionamento durante a celebración do Resurrection Fest e reducir o impacto sobre a veciñanza.

O executivo local destaca ademais a importancia do festival, que se converteu nun dos grandes acontecementos culturais e económicos do municipio, con forte repercusión turística. Neste sentido, o Concello asegura que continuará traballando para compatibilizar o desenvolvemento deste evento de gran afluencia co benestar e a calidade de vida da veciñanza.

0.12100005149841