Viveiro renova as instalacións de fontanaría do campo de fútbol Marcos Gómez coa colaboración da Deputación de Lugo

O Concello de Viveiro vén de recibir oficialmente as obras correspondentes á primeira fase de mellora da instalación de fontanaría dos vestiarios do campo de fútbol Marcos Gómez, tamén coñecido como Campo do Cembedo. A actuación, incluída no convenio de cooperación coa Deputación de Lugo, supón un paso máis na modernización das infraestruturas deportivas municipais.
O investimento, de arredor de 15.000 euros, destinouse á substitución das tubaxes e á mellora do sistema de subministración de auga quente nos vestiarios, lavabos e servizos do complexo. A intervención permitirá incrementar a eficiencia enerxética e garantir a seguridade e funcionalidade das instalacións, afectadas polo paso do tempo e pola corrosión derivada do ambiente marítimo.
A alcaldesa, María Gueimunde, destacou que se trata dunha obra “necesaria e moi esperada polos clubs e usuarios do campo, que levaban tempo reclamando unha solución definitiva”. A rexedora aproveitou tamén para agradecer o apoio da Deputación de Lugo, “pola súa colaboración constante na mellora das nosas instalacións deportivas e no impulso á actividade física en Viveiro”.
Gueimunde explicou que o Concello está á espera dunha reunión coa Vicepresidencia da Deputación para avanzar na segunda fase do proxecto, que permitirá completar a renovación integral do campo Marcos Gómez, unha instalación utilizada por clubs e asociacións deportivas de fútbol e piragüismo.
Con esta actuación, o Concello reafirma o seu compromiso coa mellora e posta a punto das infraestruturas deportivas locais, co obxectivo de ofrecer espazos seguros, modernos e eficientes á cidadanía.