Viveiro reforza o apoio á mocidade a través da OMIX

O Concello de Viveiro lembra á mocidade que pode acceder de maneira gratuíta a información, orientación e asesoramento a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).
Este servizo municipal facilita apoio en diversas áreas, como o acceso a estudos oficiais, convalidacións, probas de idiomas, traslados de expediente, homologación de títulos estranxeiros e inscrición en probas libres de diferentes niveis educativos. Ademais, ofrece axuda para obter certificados de profesionalidade e competencias clave.
"Como Cidade Amiga da Infancia, Viveiro segue traballando para converter o municipio nun espazo máis respectuoso coa infancia e a mocidade", destaca a alcaldesa, María Loureiro. "Animamos á rapazada a achegarse á OMIX e á área de Xuventude, tanto de forma presencial como a través das redes sociais de @xuventudeviveiro", engade.
No que respecta ás bolsas de estudo, os servizos máis demandados inclúen a tramitación das bolsas MEC para distintos niveis educativos, con especial atención ás axudas para nenos e nenas con necesidades educativas especiais. Tamén se ofrece información sobre bolsas das universidades, da administración autonómica ou doutras entidades, así como sobre as axudas para material escolar, libros de texto e mobilidade Erasmus.
A OMIX tamén informa sobre diversas convocatorias destinadas á mocidade, como o bono cultural xove, axudas para o carné de conducir, inscrición en garantía xuvenil, formación para o emprego e convocatorias de emprego público. Ademais, proporciona apoio técnico para a realización de trámites que requiran identificación dixital, como a solicitude de clave PIN, certificado dixital ou Chave 365.
O servizo da OMIX está dispoñible diariamente, tanto de forma presencial como telemática. O Concello tamén lembra que a mocidade do municipio pode solicitar información e asesoramento sobre o Bono Emancípate, dispoñible desde o 6 de febreiro. Esta axuda está dirixida a menores de 36 anos con ingresos regulares que non superen un determinado límite de renda e sexan titulares dun contrato de arrendamento ou adquirentes dunha vivenda despois do 31 de maio de 2024.
Entre as iniciativas da área de Xuventude destaca tamén o Grupo Municipal de Participación Xuvenil. O prazo de inscrición permanece aberto durante todo o ano e as reunións celébranse o segundo e cuarto sábado de cada mes, de 11:00 a 13:00 horas, na Casa do Concello.