Viveiro reforza a súa aposta polo turismo cultural cun novo convenio coa Xunta

AMariñaXa
O acordo, dotado con máis de 188.000 euros, servirá para financiar espectáculos, actividades artísticas e accións de promoción ao longo de todo o ano 2025
Viveiro-Xunta-de-Galicia-asinan-un-convenio-para-impulsar-a-promocion-2025
5 Aug 2025

O Concello de Viveiro e a Axencia Galega de Turismo veñen de asinar un convenio de colaboración estratéxica para fortalecer a proxección turística do municipio a través dunha programación cultural que combine identidade local, sustentabilidade e calidade. O acordo, que conta cun orzamento global de 188.086 euros, inclúe unha achega autonómica de 145.000 euros destinada a actividades que se desenvolverán ao longo do ano 2025.

A alcaldesa de Viveiro, Mariña Gueimunde, recibiu esta mañá ao director da Axencia Galega de Turismo, Xosé Manuel Merelles, quen presentou o convenio e destacou a súa importancia na consolidación de Viveiro como destino de referencia no norte de Galicia.

As actuacións previstas inclúen concertos e intervencións artísticas (75.599 euros), espectáculos pirotécnicos (12.100 euros), alugueiro e montaxe de infraestruturas técnicas (77.198 euros), instalación de carpas (13.189 euros) e campañas de comunicación e difusión (10.000 euros).

Gueimunde subliñou que esta colaboración permite ao concello deseñar unha oferta turística desestacionalizada, baseada no patrimonio, a cultura e as tradicións, ao tempo que impulsa a economía local. “Son proxectos que contribúen a construír unha marca propia e recoñecible”, asegurou.

O convenio reforza a cooperación entre a Xunta e o Concello para facer de Viveiro unha vila da cultura con programación estable, proxección exterior e capacidade para atraer visitantes durante todo o ano.

⚙ Configurar cookies
0.1979660987854