Viveiro reformula a licitación da ESE e logra un aforro superior aos oito millóns de euros

AMariñaXa
O novo contrato permitirá reducir o gasto enerxético anual, aumentar o investimento e optimizar os recursos municipais a longo prazo
casa-do-concello-de-viveiro
26 Dec 2025

O Concello de Viveiro culminou un proceso de revisión e reformulación da licitación da Empresa de Servizos Enerxéticos (ESE) que se traduce nunha mellora substancial das condicións económicas e técnicas inicialmente previstas. O novo modelo permitirá reducir de maneira significativa o gasto enerxético municipal, incrementar o volume de investimento e garantir unha xestión máis eficiente dos recursos públicos ao longo dos próximos quince anos.

Segundo os datos definitivos, o gasto anual actual do Concello en materia enerxética sitúase en 1.549.730,47 euros. Coa adxudicación da ESE, esa cifra reducirase ata os 1.253.534 euros anuais, o que supón un aforro de 296.196 euros cada ano. Proxectado á duración total do contrato, o aforro acumulado ascende a 4.442.920 euros.

A esta redución do gasto engádense os investimentos directos que asumirá a empresa adxudicataria, cifrados en 4.534.628 euros, así como outras actuacións financiadas coa baixa obtida na licitación, estimada en arredor de 1.100.000 euros. Este importe destinarase, a través do denominado Plan P6, a investimentos complementarios e ao mantemento do alumeado de Nadal e das festas ao longo da vixencia do contrato.

En conxunto, o aforro total estimado para as arcas municipais coa posta en marcha da ESE alcanza os 8.229.610 euros nun período de quince anos. Ademais, o modelo finalmente aprobado mellora de maneira notable o proxecto que se prevía licitar anteriormente, cun aforro adicional superior aos dous millóns de euros e un incremento do investimento directo de 1.250.000 euros. Se se suma a parte correspondente da baixa do contrato, o investimento adicional elévase ata os 2,3 millóns de euros.

Entre as actuacións previstas figuran proxectos singulares no Casco Histórico e no Paseo Marítimo, a mellora do alumeado nos pasos de peóns, a substitución de semáforos, a instalación de grupos electróxenos de gran capacidade na Casa do Concello e no Auditorio de Celeiro, así como a resolución dun problema histórico relacionado cos custos e a seguridade dos denominados tantos alzados. Tamén se inclúe a renovación da iluminación e das caldeiras nos campos de fútbol municipais.

Desde o Concello destacan que este resultado é consecuencia dunha análise exhaustiva do contrato inicialmente deseñado, no que se detectaron elementos claramente mellorables. Ao longo do proceso modificáronse os pregos e mantivéronse contactos con distintas empresas do sector co obxectivo de acadar a opción máis vantaxosa, reforzando a transparencia e a eficiencia. Coas condicións actuais, o importe inicialmente previsto reduciuse en máis da metade, configurando un modelo máis sostible e beneficioso para o conxunto da cidadanía.

⚙ Configurar cookies
0.089020967483521