Viveiro prolonga en outubro a celebración da súa Semana Santa con actividades culturais e relixiosas

AMariñaXa
Unha exposición fotográfica, xornadas de portas abertas, actos relixiosos, visitas guiadas, propostas infantís e un concerto de música sacra conforman o programa, con todas as actividades gratuítas
igrexa-SEMANA-SANTA-VIVEIRO-REDE-EUROPEA
30 Sep 2026

Viveiro volverá poñer en valor a súa Semana Santa durante todo o mes de outubro coa súa participación na quinta edición dos Días da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua. A iniciativa pretende achegar á cidadanía o patrimonio, a historia e as tradicións vinculadas a estas celebracións tamén fóra das datas habituais.

A programación abrirase cunha exposición fotográfica sobre a Semana Santa de Viveiro realizada pola fotógrafa María San Isidro, que estará instalada nos claustros da igrexa de San Francisco.

O sábado 3 de outubro, os mesmos claustros acollerán unha xornada de portas abertas da Exposición Permanente da Semana Santa de Viveiro. Poderá visitarse entre as 10:00 e as 21:00 horas e incluirá tamén unha degustación do Pan dos Apóstolos, doce tradicional da Semana Santa viveirense.

O domingo 4 de outubro, ás 20:00 horas, a igrexa de San Francisco será escenario dunha solemne eucaristía con motivo do VIII centenario do Tránsito de San Francisco de Asís. A celebración estará presidida polo bispo da Diocese de Mondoñedo-Ferrol e organizada pola Venerable Orde Franciscana.

A actividade relixiosa continuará na igrexa de Santa María do Campo cos actos dedicados á Virxe do Rosario. O triduo celebrarase os días 4, 6 e 7 de outubro, organizado pola Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario. Posteriormente, o sábado 10, ás 20:00 horas, terá lugar unha solemne eucaristía seguida da procesión da Virxe do Rosario, acompañada musicalmente pola Banda Nosa Señora da Misericordia.

O programa tamén reservará un espazo para o público infantil. O 23 de outubro desenvolverase "Coñece a Semana Santa de Viveiro", unha actividade deseñada para achegar aos máis pequenos as tradicións propias desta celebración.

A programación continuará o domingo 25 de outubro, ás 18:00 horas, cunha visita guiada polas igrexas de Viveiro, tanto intramuros como extramuros. A actividade correrá a cargo de Suso Martínez, guía oficial de Galicia, e terá como punto de saída a igrexa de San Francisco.

O peche dos actos chegará o sábado 31 de outubro, ás 20:30 horas, cun concerto de música sacra na igrexa de San Francisco a cargo do Obradoiro de Canto Coral do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro.

Todas as propostas serán de acceso gratuíto e permitirán coñecer a Semana Santa viveirense desde diferentes perspectivas, combinando patrimonio, fotografía, tradición relixiosa, actividades para os máis pequenos e música.

Nesta quinta edición dos Días da Rede Europea participan tamén localidades de España, Malta e Portugal, que ao longo do mes de outubro organizarán diferentes actividades relacionadas coa Semana Santa e a Pascua. A programación permitirá así que Viveiro manteña presente durante todo o mes unha das súas principais tradicións culturais e relixiosas.

0.14356398582458