Viveiro presenta o programa da Semana Santa 2026 cun amplo calendario de procesións e actos relixiosos

AMariñaXa
A celebración estenderase do 27 de marzo ao 5 de abril con procesións históricas, concertos e actos especiais como o 75 aniversario da Real Hermandad de las Siete Palabras
Cartel-semana-santa-viveiro-2026
16 Mar 2026

A cidade de Viveiro volverá converterse nun dos principais referentes da tradición relixiosa en Galicia coa celebración da Semana Santa 2026, que se desenvolverá entre o 27 de marzo e o 5 de abril cun completo programa de actos litúrxicos, procesións e actividades culturais.

A programación comezará o venres 27 de marzo, Venres de Dolores, coa procesión da Virxe dos Dolores, que partirá ás 21:00 horas da igrexa de San Francisco, organizada pola Venerable Orde Terceira Franciscana.

O sábado 28 de marzo, Sábado de Paixón, celebrarase un concerto benéfico da Banda Nuestra Señora de la Misericordia ás 18:00 horas no adro de San Francisco. O recital terá carácter solidario e os donativos recadados destinaranse á asociación CRIS contra el cáncer. Se as condicións meteorolóxicas non permiten a actuación ao aire libre, trasladarase á igrexa das Madres Concepcionistas. A xornada continuará ás 20:30 horas no Teatro Pastor Díaz co pregón oficial da Semana Santa, que será pronunciado por José Ángel Rodríguez Méndez, acompañado pola actuación da soprano Patricia Rico co pianista Javier Ares.

O Domingo de Ramos, 29 de marzo, abrirase pola mañá coa tradicional procesión da Entrada triunfal de Xesús en Xerusalén, coñecida popularmente como A Borriquita, que sairá ás 12:00 horas da igrexa de San Francisco tras a bendición de ramos e palmas na Praza Maior. Pola noite, ás 20:00 horas, terá lugar a procesión do Ecce-Homo, tamén con saída desde San Francisco.

O Luns Santo, 30 de marzo, celebrarase ás 21:00 horas a tradicional Tamborrada, que percorrerá varias rúas da cidade ata rematar na Praza Maior, organizada pola Xunta de Cofradías da Semana Santa.

O Martes Santo, 31 de marzo, terá lugar ás 21:00 horas o Vía Crucis de Mulleres, organizado pola Hermandad de Mujeres de la Santa Cruz, con saída desde a igrexa de San Francisco.

O Mércores Santo, 1 de abril, desenvolverase ás 22:00 horas o Vía Crucis de Homes, que partirá tamén desde San Francisco coa imaxe do Cristo da Agonía, acompañado por catorce penitentes portando cruces.

O Xoves Santo, 2 de abril, incluirá varios actos destacados. Pola mañá, ás 12:30 horas no Teatro Pastor Díaz, proxectarase un documental conmemorativo do 75 aniversario da Real Hermandad de las Siete Palabras. Pola tarde, ás 19:00 horas, sairá a procesión da Última Cea, mentres que ás 21:30 horas terá lugar a procesión do Prendemento. Xa de madrugada, ás 23:45 horas, celebrarase a procesión da Misericordia, con saída desde a capela do mesmo nome.

O Venres Santo, 3 de abril, será a xornada máis intensa da programación. Comezará ás 10:00 horas co acto do Encontro na Praza Maior, seguido ás 12:30 horas do Sermón das Sete Palabras, que neste ano terá carácter extraordinario con motivo do 75 aniversario fundacional da Real Hermandad de las Siete Palabras. Pola tarde desenvolveranse o Descendemento ou Desencravo ás 18:30 horas, a procesión do Santo Enterro ás 19:30 horas, a procesión da Paixón ás 22:00 horas e, xa pasada a medianoite, ás 00:30 horas, a tradicional procesión da Soidade, coñecida tamén como a procesión “dos Caladiños”.

A programación continuará o Sábado Santo, 4 de abril, coa procesión da Esperanza da Resurrección, que partirá ás 19:30 horas da igrexa de San Francisco.

Finalmente, o Domingo de Resurrección, 5 de abril, celebrarase pola mañá a procesión do Encontro da Resurrección, ás 12:00 horas con saída da igrexa de Santa María e encontro na Praza Maior. A xornada concluirá ás 19:30 horas coa procesión do Vía Lucis, que partirá da igrexa de San Francisco.

Con este amplo calendario de actos, Viveiro volverá vivir unha das celebracións relixiosas máis emblemáticas de Galicia, recoñecida pola súa tradición, a riqueza patrimonial das súas imaxes e a participación das numerosas confrarías da cidade.

PROGRAMA

0.12090396881104