Viveiro prepara un calendario para preservar a memoria das festas de San Roque

AMariñaXa
A Comisión Viveiro en Festas solicita fotografías das décadas dos 80 e 90 para recadar fondos e difundir a tradición local
VIVEIRO-calendario-2025-comision-festas
2 Oct 2025

A Comisión Viveiro en Festas xa está a traballar na organización das festas de San Roque do próximo mes de agosto e, como parte das actividades para recadar fondos, anuncia a elaboración dun calendario correspondente ao ano 2026. Tras o éxito da edición anterior, centrada nas décadas dos 40, 50, 60 e 70, nesta ocasión o calendario estará dedicado ás festas de San Roque durante os anos 80 e 90, co obxectivo de preservar e difundir a memoria gráfica da tradición festiva de Viveiro.

Para levar a cabo esta iniciativa, a Comisión fai un chamamento a todos os veciños e veciñas que conserven fotografías relacionadas coas celebracións desa época. Procúranse imaxes que amosen verbenas, desfiles, comparsas, concertos, actos populares ou calquera outro momento festivo. Recoméndase indicar o ano aproximado da fotografía para establecer unha orde cronolóxica, así como enviar arquivos cun peso mínimo de 500KB.

As persoas interesadas en colaborar poden poñerse en contacto coa Comisión a través das súas redes sociais oficiais, por teléfono no 614191962, mediante correo electrónico en comisionviveiroenfestas@gmail.com ou a través de calquera dos membros da asociación.

Segundo explican desde a Comisión, a participación cidadá nesta proposta non só permitirá recadar fondos para a organización das festas, senón que tamén servirá para “recuperar e compartir a memoria recente das festas de San Roque e, entre todos, traballar na identidade colectiva de Viveiro como viñemos facendo durante este último ano”.

Con esta iniciativa, a Comisión busca implicar á veciñanza na conservación da tradición local, reforzando o sentimento de comunidade e garantindo que as imaxes históricas das festas continúen formando parte da memoria viva da vila.

⚙ Configurar cookies
0.092916965484619