Viveiro prepara alegacións para mellorar o trazado das futuras variantes leste e oeste

AMariñaXa
O Concello aposta por unha infraestrutura que permita sacar o tráfico pesado do centro urbano e mellorar as conexións viarias do municipio
vista-Viveiro-2026
28 May 2026

O Concello de Viveiro xa traballa na redacción das alegacións ao estudo informativo e ambiental das futuras variantes leste e oeste da vila, un proxecto que actualmente permanece en fase de exposición pública tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia a finais de abril.

Desde o goberno municipal consideran que a creación desta infraestrutura resulta fundamental para o desenvolvemento da mobilidade no municipio e valoran positivamente que a tramitación avance. Por este motivo, os servizos técnicos municipais están a analizar distintas propostas co obxectivo de adaptar o proxecto ás necesidades reais de Viveiro e mellorar a funcionalidade da futura variante.

O executivo local defende especialmente a combinación das alternativas 4 e 5, unha solución que permitiría conectar a estrada LU-862 coa vía CG-2.3, creando unha circunvalación completa arredor do núcleo urbano. A intención principal pasa por reducir a presenza de tráfico pesado nas rúas da vila e facilitar que o transporte vinculado a Porto Celeiro e ao sector forestal poida circular fóra da trama urbana.

Entre as modificacións que o Concello pretende incorporar figura a mellora do enlace de Viveiro Este, en Celeiro, para favorecer a circulación en ambos sentidos e estudar tamén a creación dunha rotonda que facilite os accesos.

Outra das cuestións que se revisarán será a conexión prevista para Viveiro Centro, xa que a proposta inicial enlaza cunha rúa de sentido único. O Concello aposta por trasladar ese acceso cara á estrada provincial do Monte San Roque, buscando unha comunicación máis eficiente coa zona leste e unha mellor circulación para vehículos pesados.

As alegacións tamén incluirán novas propostas relacionadas coa seguridade viaria e coa integración ambiental do trazado, como a construción de pontes sobre os regos de Silvoso e Trasposta para minimizar o impacto natural.

A alcaldesa, Mariña Gueimunde, destacou que o obxectivo é conseguir “unha variante útil, ben conectada e pensada para resolver os problemas reais de mobilidade do municipio”. Ademais, o Concello convocará unha xunta de voceiros o próximo 2 de xuño para consensuar as alegacións co resto dos grupos políticos.

0.1325261592865