Viveiro ofrece un curso para iniciarse na lingua e na cultura galegas

As persoas interesadas en dar os seus primeiros pasos no galego e achegarse á cultura de Galicia terán unha nova oportunidade en Viveiro cun curso de iniciación que se desenvolverá entre os días 21 e 25 de setembro.
A actividade está dirixida a maiores de 16 anos e contará cun total de 20 horas de formación. As sesións impartiranse en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 horas, nas instalacións de Cruz Vermella Viveiro.
A proposta está pensada especialmente para aquelas persoas que se achegan por primeira vez á lingua galega e queren adquirir uns coñecementos iniciais, ao tempo que descobren diferentes aspectos relacionados coa cultura propia de Galicia.
Unha vez completada a formación, os participantes recibirán un diploma acreditativo do curso.
As inscricións deberán formalizarse a través de Cruz Vermella Viveiro. As persoas que desexen ampliar información ou anotarse poden contactar no teléfono 982 562 200.
Desde o Concello de Viveiro animan a participar nesta iniciativa, que busca facilitar unha primeira aproximación ao idioma e contribuír ao coñecemento e difusión da cultura galega.